A segunda quincena de abril acolleu as reunións das tres Comisións Sectoriais do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) con parte do equipo responsable da redacción do Plan Estratéxico 2021-2025, que na actualidade está a desenvolver diversas metodoloxías e procesos participativos para avaliar a execución da folla de ruta do Clúster neste período intermedio de vixencia. As tres xuntanzas tiveron lugar no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela), sede da asociación.
Os resultados dos debates das tres comisións serán incorporados a un documento de traballo que será validado pola Xunta Directiva de Clusaga e presentado na Asemblea Xeral, incorporando as melloras e modificacións precisas nun entorno tan complexo coma o actual, para a implementación adecuada do Plan Estratéxico ata o ano 2025, asegurando a consecución dos obxectivos definidos ao inicio do mesmo.
A primeira reunión en celebrarse foi a da Comisión de Sustentabilidade e Economía Circular, que tivo lugar o venres 21 de abril. Esta xuntanza extraordinaria da Comisión tivo por obxectivo realizar un balance da execución do Plan Estratéxico durante 2021 e 2022. En concreto, esta Comisión centrouse no Eixo 3 Impulso da sustentabilidade e incorporación das empresas á economía circular e á bioeconomía.
Tras realizar algunhas recomendacións e sinalar modificacións a levar a cabo na execución do Plan, os membros da Comisión sinalaron a crecente presión no eido da normativa ambiental, concluíndo que, nese contexto, o intercambio de experiencias entre as entidades é chave para orientar un correcto desenvolvemento sostible. Asimesmo, sinalaron que os proxectos colaborativos transversais a varios subsectores, así como a pemes e grandes empresas, poden axudar a mellorar a eficiencia de recursos e a valorización de residuos, así como a reducir a pegada ambiental do sector alimentario.
Pola súa banda, a Comisión de Mercados e Internacionalización de Clusaga reuniuse o martes 25 de abril. A súa foi unha reunión trimestral ordinaria que, ademais, incorporou a xuntanza co equipo redactor do Plan. Cabe salientar que este foi o primeiro encontro desta Comisión baixo a presidencia de Lucrecia García, de Real Conservera Española, e con dúas novas vicepresidencias que recaen en Andrés Alonso de Cafés Candelas e Cristina Domínguez de Granbazán.
A Comisión, composta na actualidade por representantes de 12 empresas socias de Clusaga, foi informada da actividade que desenvolveu o equipo técnico de Clusaga no primeiro trimestre do ano na Área de Mercados e Internacionalización, con especial fincapé nas accións de internacionalización e na promoción da colaboración público-privada coa Administración autonómica de Galicia e a privada-privada con outros clústeres de interese para actividade en Turismo e E-Commerce.
Na xuntanza co equipo redactor do Plan Estratéxico de Clusaga abordouse a execución do Eixo 2 Mercados e internacionalización; adaptación aos cambios no consumo e impulso de novos modelos e canles de comercialización.
A derradeira reunión foi a da Comisión de Innovación e I+D o venres 28 de abril, convocada tamén de xeito extraordinario para comentar o progreso acadado ata o fin de 2022 na implementación do Plan Estratéxico. No seu caso, a xuntanza xirou en torno ao Eixo 1 Impulso da I+D+i e incorporación das empresas á estratexia de innovación e ao Eixo 4 Transformación dixital e industria 4.0, talento e emprendemento.
Relativo ao Eixo 1 destacouse o bo progreso do plan tanto en canto a proxectos de I+D+i mobilizados para o beneficio dos asociados, como en canto a empresas participantes nos mesmos, así como en relación ás actividades de divulgación e networking realizadas. En relación ao Eixo 4 valorouse o número de accións levadas a cabo para promover a dixitalización, así como a consolidación da Business Factory Food (BFFood) coma ferramenta de apoio ao emprendemento e á aceleración de empresas. Para rematar, os membros da Comisión manifestaron o seu interese por buscar vías de acción de Clusaga para contribuír a mellorar o acceso ao talento para o sector.