O pasado luns lanzouse na sede de Clusaga o novo Programa Colectivo de Alimentación Sostible (PROALIS), presentado durante a apertura do Curso de Economía Circular, nun acto que contou coa intervención de Ricardo Castro, director de Calidade e Medio Ambiente de Vegalsa-Eroski, empresa tractora da iniciativa. Este programa acompaña ás empresas do sector na súa transición cara á sustentabilidade, combinando formación, asesoramento e ferramentas para reducir o impacto ambiental, fomentar a economía circular e mellorar a transparencia. As empresas participantes recibirán apoio en diagnóstico, planificación e implementación de medidas sostibles.
O sector alimentario xoga un papel clave na transición cara a un modelo máis sostible, tanto a nivel ambiental, social como económico. A presión normativa, a demanda dos consumidores e os compromisos internacionais esixen que as empresas adopten estratexias de sustentabilidade que minimicen o impacto ambiental, reduzan o desperdicio alimentario e promovan modelos de produción e consumo responsables en toda a cadea de valor.
Aliñado cos marcos estratéxicos internacionais como a Agenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Estratexia “Da granxa á mesa” e o Pacto Verde Europeo, xorde PROALIS, o Programa Colectivo de Alimentación Sostible. Trátase dunha iniciativa de Clusaga para apoiar ás súas empresas asociadas na implementación de prácticas sostibles ao longo da cadea de valor, fomentando a innovación, a circularidade, a descarbonización e a adaptación ao novo marco lexislativo.
Este programa representa un compromiso colectivo do sector alimentario galego para avanzar cara a un modelo máis sostible, reforzando a competitividade das empresas a través da innovación, a cooperación e a responsabilidade ambiental.
O programa busca impulsar un impacto positivo no sector alimentario galego mediante os seguintes obxectivos:
Redución do impacto ambiental, optimizando recursos, diminuíndo emisións e mellorando a xestión de residuos e do desperdicio alimentario.
Valorizar a responsabilidade do sector alimentario, destacando o seu papel na produción de alimentos e os impactos positivos nas súas tres dimensións: ambiental, social e económica.
Promoción da economía circular a través das 4R: redución, recuperación, reutilización e reciclaxe, xunto coa valorización de subprodutos.
Impulso da transparencia e trazabilidade da información sobre as accións de sustentabilidade das empresas alimentarias, tanto ao longo da cadea de subministración como na comunicación ao consumidor.
Apoio á innovación e dixitalización para optimizar o uso de recursos como a enerxía, a auga ou as materias primas, así como para a cuantificación de métricas ambientais e o ecodeseño de envases alimentarios.
Sensibilización e formación das empresas para integrar a sustentabilidade nas súas estratexias de negocio actuais.
Con esta iniciativa, Clusaga reafirma o seu compromiso cunha industria alimentaria máis sostible, innovadora e competitiva. As empresas interesadas en participar poden poñerse en contacto a través de circular@clusaga.org.