O Campus de Ourense acolleu o 28 de maio o evento Net4Food Matching: Conectando empresas e investigadores para a innovación alimentaria, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo). Esta xornada tivo como obxectivo fomentar oportunidades de colaboración en materia de I+D+i no sector alimentario, así como dar a coñecer as capacidades científicas e tecnolóxicas do Campus de Ourense.
Durante o encontro, Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga, presentou o sistema de identificación de convocatorias dispoñible na web de Clusaga, que permite acceder a información sobre axudas públicas relacionadas coa innovación, dixitalización e sustentabilidade. Ademais, déronse a coñecer diversas axudas á I+D+i relevantes para facilitar a colaboración entre empresas e investigadores.
A continuación, Cristina López Macías, responsable da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) do Campus de Ourense, explicou as distintas fórmulas de colaboración entre universidade e empresa, entre as que se inclúen:
O foco da xornada estivo na visibilidade das capacidades de investigación do Campus de Ourense. Grupos de investigación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) da UVigo presentaron as súas principais liñas de investigación:
Durante a mesa redonda “Novos retos na industria alimentaria e oportunidades de colaboración coa UVigo”, empresas como Granja Campomayor e Esteo Innova, xunto con investigadores do IAA, abordaron desafíos comúns e posibilidades de colaboración.
As empresas destacaron a necesidade de adaptarse ás normativas, responder ás demandas do consumidor e integrar automatización e robótica nos seus procesos. Desde o ámbito académico, sinalouse a importancia de equilibrar innovación con aceptación sensorial, aproveitar subprodutos industriais, superar barreiras regulamentarias e mellorar a comunicación co consumidor desde idades temperás.
En canto á experiencia colaborativa, Granja Campomayor reclamou maior proactividade do persoal investigador, mentres Esteo Innova puxo de relevo as dificultades económicas e de prazos que afrontan as empresas. Os investigadores, pola súa banda, destacaron a falta de recursos humanos dedicados a servizos empresariais e a escasa visibilidade dos doutorados industriais.
Entre as propostas para facilitar a colaboración, formuláronse:
Ademais, instouse ás institucións a incrementar os recursos financeiros e humanos destinados a este tipo de iniciativas.
O evento incluíu tamén unha mini feira de prototipos de produtos alimentarios desenvolvidos polos grupos de investigación en colaboración con empresas, unha visita á planta piloto do campus e unha cata de aceites galegos. Ademais, facilitáronse reunións bilaterais entre investigadores e empresas, tanto presenciais como virtuais, para explorar posibles sinerxías.
Esta xornada, enmarcada no proxecto europeo Net4Food, supuxo un paso clave para visibilizar o potencial do Campus de Ourense como socio estratéxico no impulso da innovación alimentaria na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.