O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Consellería do Mar clausuraron este mércores, 20 de novembro, o curso “O mercado asiático: oportunidades para o sector alimentario mar – industria”·
O peche destas xornadas formativas ha contado coa intervención de Mercedes Rodríguez, directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, quen puxo en valor a internacionalización como vía para que as empresas da cadea mar – industria gañen competitividade.
Ao longo de catro sesións, que se desenvolveron durante o mes de novembro, profesionais da industria de produtos do mar de máis de 20 empresas galegas coñeceron as oportunidades de mercado que ofrece o país asiático.
E é que segundo datos estatísticos de FIAB (Federación Española de Industrias da alimentación e bebidas), a evolución das exportacións ao xigante asiático na última década permite confiar no comportamento deste mercado, cun crecemento dunha media anual do 23%.
Durante a primeira sesión, os asistentes puideron coñecer a situación do mercado chinés da man de Pablo Recio, director xerente de Eibens, consultora fundada en China.
Pola súa banda, na segunda sesión, centrouse na normativa e aspectos de planificación económica financeira e prezos de Asia. Nesta ocasión, foron Rob Maxwell, analista de consumo e márketing de Clusaga, Pedro Arias, director de negocio internacional de Galicia en Banco Santander, e Miguel Ángel Otero, director do máster de Dirección e Xestión de Comercio Exterior da Universidade de Santiago de Compostela, os encargados de impartir a formación.
A terceira sesión tivo como obxectivo analizar os mercados asiáticos e en particular o mercado coreano con Mihee Sé, fundadora de OASTA Consulting, Ramón Damián Fernández, xefe de servizo de mercados da Consellería do Mar, e Guillermo Viña, subdirector de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica.
Finalmente, a última sesión abordou a competencia e análise do consumo nos mercados asiáticos e especialmente no xaponés. Foron Rob Maxwel, analista de consumo e marketing de Clusaga, Megumi Shiozawa, CEO de Shigotoya Japan Galicia,e Sergio Prieto, director territorial de comercio e ICEX en Galicia, os encargados de impartila. Ademais, Mauro Lamela, export manager de Torre de Núñez, e Paula Lobato, do departamento comercial de Bodegas Martín Códax, expuxeron a súa experiencia no mercado deste país.