O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou nos I Encontros Universidade – Empresa, organizados na Universidade de Vigo, a aceleradora Business Factory Food (BFFood).
Estes Encontros Universidade – Empresa, promovidos pola Universidade de Vigo, buscan achegar á sociedade a investigación que se realiza nos laboratorios universitarios e pretenden presentar os grupos de investigación non como empresas de servizo, senón como socios colaboradores para axudalas nos seus proxectos de innovación e desenvolvemento. Nesta primeira edición, os encontros centrados na alimentación, organizáronse en colaboración con Clusaga.
Nel participaron máis de 20 empresas socias de Clusaga, destacando Bodegas Martín Códax, Grupo Nova Pescanova, Grupo Jealsa ou Larsa, entre outras. Ademais, asistiron representantes de 40 grupos de I+D+i dos tres campus pertencentes á Universidade de Vigo, relacionados co sector alimentario, especialistas de centros tecnolóxicos, consultoras e da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA).
Presentación da BFFood
A mesa redonda, na que se presentou BFFood, foi presentada pola Vicerreitora, Mª Consuelo Pérez, e nela participaron Javier Álvarez, coordinador do proxecto BFFood, Juan A. Vázquez, presidente de Clusaga, e Juan Feijoo Casanova, técnico da área de competitividade do Igape.
A primeira convocatoria deste proxecto dirixido a novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao sector alimentario galego permanecerá aberta ata o próximo 16 de maio. Pódese consultar máis información en www.bffood.gal