Máis de medio centenar de expertos e representantes do sector lácteo participaron na xornada “O sector lácteo galego: Innovación para un futuro sustentable e competitivo”, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) en Santiago de Compostela. O evento puxo de manifesto a importancia da colaboración entre empresas, institucións e centros de investigación para impulsar a transformación do sector.
Durante o evento presentáronse proxectos innovadores que están a modernizar a cadea de valor do leite en Galicia. Entre eles, destacou SmartZ4Milk, coordinado por Clusaga no marco do PERTE agroalimentario, que aposta pola intelixencia artificial, a analítica de datos en tempo real e a automatización de procesos para mellorar a eficiencia e a calidade dos produtos lácteos. Empresas como Grupo Lence, Plexus Tech e Grupo AMSlab compartiron a súa experiencia na aplicación destas tecnoloxías.
Tamén se abordaron casos de éxito no marco do proxecto LAZTEO, centrado na optimización de recursos e a aplicación de biotecnoloxía para unha alimentación animal máis sostible, con intervencións de Bico de Xeado e Cartogalicia.
A innovación colaborativa foi un dos aspectos clave da xornada, con iniciativas como Caprigo, que busca valorizar as producións leiteiras caprinas en Xacebáns (Ourense) mediante a elaboración de queixos brandos de alta calidade. Ademais, CIBUS5G presentou as súa solucións baseadas en intelixencia artificial, visión artificial, 5G e IoT para mellorar a eficiencia do sector agroalimentario.
Outro dos proxectos destacados foi HIGHFIVE, unha iniciativa europea que apoia a transición dixital e verde das pemes agroalimentarias. Empresas como Queizuar e Quescrem compartiron os avances en proxectos como PrevAI, Creamsense e Bupaic, enfocados en automatización e sensórica avanzada.
O evento pechou coa presentación de #ValorLácteo, o Modelo Común de Sustentabilidade do Sector Lácteo, unha iniciativa clave liderada por Clusaga para establecer boas prácticas en materia ambiental, social e de gobernanza (ESG). Este modelo reforza o compromiso das empresas galegas cunha produción máis responsable e eficiente.