Galicia alimenta o futuro. Ese será o lema central do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que o Clúster Alimentario de Galicia reúne a expertos para debater e expor diferentes cuestións de actualidade do sector da alimentación e as bebidas. O evento terá lugar o xoves, 26 de xuño, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e, como parte do mesmo, desenvolveranse dous relatorios e dúas mesas redondas nas que se tratará unha mesma cuestión desde distintas perspectivas: a innovación e o liderado na transformación deste ámbito.
A xornada comezará ás 10.30 horas co almorzo e exposición de Alimentos e Bebidas Excelentes e Innovadores, así como co espazo demos, centrado na Alimentación do futuro. A continuación, dará comezo o primeiro bloque sobre Innovación e tendencias que redefinen o sector alimentario. Este apartado arrincará ás 11.30 horas coa conferencia A transformación do sistema alimentario: novas tendencias e innovación, que correrá a cargo do vicepresidente da Fundación Europea para a Innovación (INTEC), Juan Francisco Delgado. Ás 11.45 horas terá lugar a primeira mesa redonda sobre a reinvención dunha actividade clave para a comunidade autónoma, o sector lácteo. Para abordar esta temática, o Clúster contará coa intervención de representantes de catro empresas que forman parte do PERTE Agroalimentario Smartz4Milk: a presidenta do Grupo Lence (Río de Galicia), Carmen Lence; do xerente de Bico de Xeado, José Luis Cabarcos; do director de CAPSA Vida, Rubén Hidalgo e de xerente de Queixería Prestes, Maikel Fernández. O debate estará moderado, ademais, polo fundador e CEO de Medrar Solutions, Hugo Criado.
Unha vez rematada esta sección inaugural do Foro, darase paso á segunda, centrada no liderado e a visión estratéxica para un futuro sostible e competitivo. A primeira conferencia levarase a cabo ás 11.30 horas baixo o título A transformación do retail e do consumidor: unha visión social e estratéxica desde a gran distribución. A presidenta de La Distribución ANGED, Matilde García, será a encargada de impartila. Na última mesa redonda da cita (prevista para as 12.55 horas), a transformación do sistema alimentario converterase no tema principal. Ao longo da proposta, os seguintes expertos relatarán a súa visión de cara a un futuro do sector sostible e competitivo: o CEO de ViniGalicia, Juan Luis Méndez Rojo; o xerente de Cafés Candelas, Ramón Alonso; o director corporativo de Galletas Gullón, Francisco Hevia e a directora xeral de Conservas Friscos, Rosa María Nieto. O director do San Telmo Business School, Julio Audicana, será o encargado de coordinar e moderar a mesa redonda.
As persoas interesadas en asistir ao Foro Galicia Alimentación poderán anotarse no formulario en liña dispoñible na páxina web de Clusaga: https://www.galiciafoodforum.info/