O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) publicou o pasado venres a resolución do PERTE Agroalimentario. Un dos proxectos tractores aprobados foi o promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para transformar o sector lácteo galego e revolucionar as súas cotas de competitividade mediante a I+D+i e o investimento en sustentabilidade, a iniciativa “SmarTZ4Milk. Cadea de Valor Láctea Intelixente, Rastrexable, Sostible e Conectada”.
Dentro desta resolución foron aprobados 13 dos 22 proxectos presentados, contando cun orzamento total de 312 millóns de euros e 161 millóns de euros de axuda concedida. Estes datos están suxeitos a posibles modificacións referidas ás alegacións que se poidan presentar a esta resolución provisional.
Nomeadamente, a resolución provisional do PERTE Agroalimentario concede a SmarTZ4Milk un orzamento global de 15,2 millóns de euros, sendo a axuda concedida de 8,9 millóns. O obxectivo do proxecto é incrementar a competitividade, sustentabilidade e resiliencia do sector lácteo galego a través da I+D+i en dixitalización e rastrexabilidade, así como o investimento en activos destinados á protección do medio ambiente e a eficiencia enerxética.
Esta iniciativa conta cun total de 14 empresas participantes, entre as que salientan as 9 lácteas socias de Clusaga: Grupo Leche Rio, (líder), Leche Celta, Lácteos de Santander, Capsa Food, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas – CLUN, Agrupación de Cooperativas Lácteas, Cooperativa Agraria Provincial De A Coruña, Queizuar e Queixería Prestes.
Xunto ás empresas tecnolóxicas AMS BIOPHARMA LABORATORY, ASM Soft, Contactica, Tecnologías Plexus e Sixtema Proyectos de Información, cabe salientar a implicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo), e o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG). SmarTZ4Milk conta, ademais, con Medrar Smart Solutions como coordinador técnico da proposta, e con outras 22 empresas tecnolóxicas que participan coma entidades subcontratadas.
O proxecto SmarTZ4Milk foi catalizado a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, posta en marcha por Clusaga e a Xunta de Galicia ao remate de 2021. Esta Oficina Técnica ten o obxectivo de impulsar a recuperación e a transformación do sector da alimentación e das bebidas en Galicia a través da mobilización de proxectos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) vinculado aos fondos Next Generation (NGEU).
A través desta Oficina, Clusaga ofrece un valor engadido ás súas entidade socias, e lles presta apoio na identificación, posicionamento e presentación de proxectos ás convocatorias que parten dos Fondos NGEU, coma é o caso do PERTE Agroalimentario.
SmarTZ4Milk non é o único proxecto aprobado que conta coa participación de empresas que forman parte da industria da alimentación e das bebidas en Galicia. No marco do PERTE Agroalimentario, cabe salientar as iniciativas Graperte e FG2H, e no do PERTE de Economía Circular, o proxecto CIRCULAR4FEED, todos eles con participación de empresas socias de Clusaga.
Graperte, que agrupa un total 19 empresas para afrontar de maneira conxunta os retos do sector vitivinícola, contará coa participación das adegas galegas socias de Clusaga Bodegas MartÍn Códax e Viña Costeira. A iniciativa, cun orzamento que supera os 10,2 millóns de euros e cunha axuda de 5,2 millóns concedida, ten o obxectivo principal de apostar pola transformación de todo este sector a través da innovación e a dixitalización.
Pola súa banda, FG2H, cun orzamento de 39,8 millóns e 21,3 millóns de axuda concedida, conta coa participación da empresa socia de Clusaga CEAMSA. O proxecto pretende xerar unha cadea de valor integrada a través de procesos innovadores, dixitalizados e sostibles para mellorar a competitividade da industria alimentaria española e convertila nun referente europeo.
Xa no marco do PERTE de Económica Circular, o proxecto CIRCULAR4FEED, cun orzamento de 7,86 millóns e unha axuda concedida de 3,5 millóns, conta coa participación de tres empresas socias do Clúster: Grupo NOGAR, Galinsect e Kiwi Atlántico.