O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) vén de presentar o primeiro Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias galegas, unha iniciativa deseñada xunto á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) a prol do talento e a mellora da competitividade do sector alimentario de Galicia que se impartirá de marzo a novembro de 2024.
A xornada celebrada onte nas instalacións do Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela, que acolleu unha Masterclass do consultor do Banco Mundial, Mario Weitz, sobre as perspectivas económicas mundiais e o seu impacto no sector alimentario, e serviu para inaugurar a Formación, contou coa participación de Antonio Basanta, Director Xeral de Pesca; Andrés Rodríguez, Presidente de Clusaga; e con representantes de ABANCA, UIE, e empresas socias do Clúster, entre as que a iniciativa tivo gran acollida.
Na súa intervención, o Director Xeral de Pesca sinalou a oportunidade que supón o coñecemento compartido e puxo en valor a alta capacidade de networking do sector alimentario galego. Así, agradeceu a iniciativa de Clusaga de crear este Programa Formativo. “Embarcarse neste proxecto é embarcase no futuro de Galicia”, declarou Basanta.
Andrés Rodríguez, pola súa banda, explicou que o Programa “nace do compromiso de Clusaga coa creación de talento, a mellora da capacitación dos traballadores e da competitividade do sector”, e que vai en liña coas actuacións recollidas no Plan Estratéxico 2021-2025 da asociación.
Tras a benvida aos asistentes, deu comezo o relatorio de Mario Weitz. O economista e experto abordou, en primeiro lugar, unha panorámica da economía actual, incidindo en factores chave como o conflito Ucraína – Rusia, os tipos de interese ou a inflación. A Masterclass tamén serviu para analizar os mercados internacionais, sinalando Asia e América Latina como emerxentes. Ademais, Weitz puxo o foco en India e Corea do Sur como os de maiores oportunidades de exportación para os produtos de alimentación, e situou a España como a novena potencia mundial do sector alimentario.
A continuación, o experto afondou nas oportunidades da dixitalización, a robótica e a intelixencia artificial. A este respecto, Weitz apuntou que a destrución neta de emprego derivada da cuarta revolución tecnolóxica oscilaría entre o 3 e o 4% para aqueles postos de traballo que requiran baixa cualificación pero que, ao mesmo tempo, isto provocaría un incremento do salario medio.
Sobre a transición do sector cara modelos máis respectuosos co medio ambiente, o consultor do Banco Mundial apostou por un avance gradual cara a sustentabilidade para que, dende o punto de vista económico, non se vexa afectada a competitividade.
Para rematar, Weitz proporcionou unha análise ás persoas asistentes sobre oportunidades de investimento, e abriu debate sobre as fortalezas e debilidades do sector alimentario en relación coa economía española. O encontro finalizou coa presentación oficial do Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias, na que se avanzaron os aspectos máis destacados do curso, a súa misión e obxectivos, ou as datas propostas, entre outras cuestións.
Coñecedor da contorna competitiva e dinámica na que operan as empresas alimentarias, que lles esixe contar con profesionais altamente capacitados e orientados ao éxito para garantir o crecemento e a sustentabilidade das organizacións, Clusaga vén de deseñar todo un Plan de Formación que poñerá a disposición das súas entidades socias para 2024.
Nomeadamente, o Programa “Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias” ten como público obxectivo a Alta Dirección, e está estruturado en 25 sesións de oito horas, a razón de tres sesións mensuais comprendidas entre marzo e novembro do vindeiro ano. A súa misión é fortalecer as habilitades directivas e de liderado dos profesionais do sector para fomentar a innovación, a eficiencia e o éxito nas súas organizacións.
Os principais obxectivos abranguen a mellora na formulación e implementación da estratexia corporativa, o desenvolvemento dunha visión estratéxica global orientada a resultados, ou o fomento das habilidades de liderado para a xestión eficiente de equipos, entre outros.