
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) clausurou no pasado 19 de decembro unha nova edición do Programa de Dirección de Empresas Alimentarias (DEA), unha iniciativa estratéxica orientada ao fortalecemento das capacidades directivas do sector alimentario galego, financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar no marco do Programa Competemar e desenvolvida en colaboración coa Escola de Negocios San Telmo.
Nesta edición participaron 48 directivos e directivas de empresas galegas, que ao longo de nove meses profundaron nunha visión integral da empresa, co obxectivo de mellorar a toma de decisións, anticipar retos e reforzar a competitividade da cadea agroalimentaria e mar-industria nun contexto económico cada vez máis esixente e globalizado.
O acto de clausura, celebrado no Hotel Puerta del Camino, contou coas intervencións institucionais da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e de Juanjo De la Cerda, CEO de Clusaga e director académico do programa. Durante a súa intervención, De la Cerda puxo en valor o papel de Clusaga como axente vertebrador do sector alimentario galego, destacando a importancia de impulsar espazos compartidos de aprendizaxe, reflexión estratéxica e colaboración entre empresas.
Neste contexto, anunciou a vontade do clúster de dar continuidade ao programa cunha nova edición prevista para 2027, unha decisión adoptada no seo da Comisión de Talento de Clusaga, que avala o impacto positivo da iniciativa e a súa contribución ao desenvolvemento directivo, á xeración de coñecemento aplicado e á atracción e retención de talento no sector.
Pola súa banda, a conselleira do Mar agradeceu o compromiso de Clusaga e da Escola de Negocios San Telmo coa formación de alto nivel, salientando a relevancia estratéxica deste tipo de programas para reforzar a competitividade das empresas da mar-industria galega e acompañalas na resposta aos desafíos dun mercado internacional en constante evolución.
O Programa de Dirección de Empresas Alimentarias (DEA) ofreceu unha formación transversal e práctica, que permitiu aos participantes reforzar competencias clave en ámbitos como finanzas e control de xestión, contabilidade, dirección de persoas, goberno da empresa —con especial atención ás empresas familiares—, operacións, contorno económico, estratexia comercial e transformación dixital.
A metodoloxía, baseada fundamentalmente na análise e debate de casos reais, fomentou unha aprendizaxe colaborativa e aplicada, facilitando a transferencia inmediata dos coñecementos á realidade diaria das empresas participantes. O programa completouse con sesións de reflexión estratéxica e espazos de intercambio de experiencias, que contribuíron á xeración de redes profesionais e á identificación de oportunidades de colaboración dentro do ecosistema alimentario galego.
O encontro concluíu cun cóctel de despedida, no que os participantes puxeron en común a experiencia compartida ao longo destes meses e valoraron positivamente unha iniciativa que consolida a aposta de Clusaga pola formación directiva como panca de competitividade e sustentabilidade do sector.









