-
Clusaga lanza catro novos cursos para o primeiro trimestre, dentro do seu programa formativo sectorial, co obxectivo de mellorar a competitividade dos profesionais do sector alimentario.
-
Estes cursos están orientados a diferentes perfís dentro da cadea de valor alimentaria, promovendo a formación continua e o desenvolvemento de habilidades clave para afrontar os retos actuais do sector.
-
As formacións impártiranse de maneira presencial en Santiago, cunha metodoloxía práctica e 30 horas de contido, distribuídas en cinco sesións.
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reforza o seu compromiso coa formación sectorial lanzando catro novos cursos gratuitos para o primeiro trimestre de 2025. Estes cursos forman parte do seu Programa Formativo Sectorial 2024-2025, financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. A través desta iniciativa, Clusaga ofrece formación especializada e adaptada ás necesidades das empresas do sector alimentario, buscando mellorar a competitividade e a adaptación dos profesionais aos novos retos do mercado.
Nos últimos meses, este programa de formación acadou un notable éxito, formando a máis de 90 profesionais da cadea de valor alimentaria, con perfís diversos que abranguen desde a xestión empresarial ata a seguridade alimentaria. Os novos cursos continuarán co enfoque práctico e especializado que caracterizou a este programa formativo, abordando áreas clave como a metodoloxía áxil Scrum, a economía circular, o dereito alimentario e a estratexia comercial B2B.
Oferta formativa do trimestre
Os cursos impártiranse en Santiago de Compostela, en modalidade presencial e cunha duración de 30 horas distribuídas en 5 sesións. A metodoloxía dos cursos é práctica e adaptada ás necesidades específicas do sector, o que permite aos participantes aplicar os coñecementos adquiridos na súa actividade diaria.
Os cursos deste trimestre son:
- Curso de Metodoloxía de Traballo Scrum: este curso, que comezará o 12 de febreiro, permitirá coñecer e aplicar Scrum, unha metodoloxía áxil que está revolucionando a xestión de proxectos en múltiples sectores. No ámbito alimentario, a súa implementación pode mellorar a eficiencia dos equipos de traballo, optimizar procesos e fomentar unha cultura de innovación e mellora continua.
- Curso de Economía Circular e a súa Implantación na Empresa Alimentaria: a partir do 17 de febreiro, este curso ofrecerá unha visión completa sobre como aplicar os principios da economía circular nas empresas do sector alimentario, optimizando o uso de materias primas, reducindo residuos e avanzando cara a unha produción máis sostible, ao tempo que se cumpre coa normativa ambiental vixente.
- Curso de Dereito Alimentario: Calidade, Seguridade Alimentaria e Información ao Consumidor: tamén co comezo o 17 de febreiro, esta formación centrarse-á en proporcionar os coñecementos necesarios para entender a normativa alimentaria fundamental para garantir a calidade, seguridade e transparencia dos produtos que chegan ao consumidor, axudando ás empresas a cumprir coa lexislación e reforzar a confianza do cliente.
- Curso de Estratexia Comercial B2B: o 24 de marzo arrinca este curso, que ofrecerá ferramentas e estratexias clave para mellorar a captación e fidelización de clientes no ámbito B2B, especialmente dentro do sector alimentario, permitindo ás empresas fortalecer as súas relacións comerciais e aumentar a súa competitividade.
Consulta o calendario completo de cursos
Ademais dos cursos dispoñibles este trimestre, Clusaga ten programadas diversas formacións ao longo do ano, que abarcarán temáticas clave como marketing, robótica, packaging, entre outras. Estas futuras formacións estarán orientadas a responder ás tendencias e necesidades emerxentes do sector alimentario, oferecendo oportunidades para actualizar e ampliar coñecementos en áreas de gran relevancia para a industria. O calendario pode consultarse a través da sección Programa Formativo Sectorial da web.