Nun contexto de auxe dos ecosistemas de innovación en Europa, o proxecto Food-scalEUp ten como obxectivo fomentar a colaboración entre organismos que impulsen programas e servizos de aceleración dixital alimentaria a nivel rexional. Deste modo, Food-scalEUp, coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e financiado polo programa Horizon Europe, fomenta a aprendizaxe mutua e o intercambio de experiencias entre ecosistemas de aceleración, explorando oportunidades comerciais para o desenvolvemento de startups e pemes innovadoras.
Nos primeiros meses de execución do proxecto, as 10 organizacións socias do proxecto realizaron uhn análise cruzada dos ecosistemas de aceleración dixital alimentaria nas súas correspondentes rexións. Este traballo colaborativo permitiu analizar o panorama do ecosistema de aceleración europeo, os seus actores chave e os programas dispoñibles.
Este traballo é un paso previo á construción da rede de aceleración alimentaria Food-scalEUp, consistente nun mapeo dos elementos de aceleración de startups dispoñibles en Europa. Este mapeo, á súa vez, permitirá elaborar un directorio de actores e programas de aceleración a nivel rexional e europeo.
En total, os socios de Food-scalEUp identificaron preto de 700 actores, con relevancia a distintos niveis, en España, Hungría, Francia, Alemaña e Países Baixos. Este directorio estará proximamente dispoñible no sitio web Food-scalEUp, e permanecerá aberto a incorporar novos ecosistemas de aceleración e innovación.
En liña co anterior, o proxecto realizou enquisas a unhas 70 startups, scaleups e pemes europeas, o cal permitiu identificar seis áreas de mellora e recomendacións. Todos os perfís consultados foron beneficiarios de servizos de aceleración nos últimos tres anos, e estaban enfocados ao desenvolvemento de solucións alimentarias e dixitais.
En canto ás necesidades comerciais, as principais suxestións de mellora relaciónanse coa creación de alianzas e cos servizos de apoio personalizados. Outra das conclusións foi que a maior parte dos programas de aceleración se dirixen a empresas de nova creación, polo que se demanda un maior número de servizos de aceleración para entidades en etapas máis maduras.