O consorcio do proxecto NEXADA, coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e integrado polo Catalan Water Partnership (CWP) e a Asociación de Industrias de Conocimiento y Tecnología Aplicada de Euskadi (GAIA), visitou esta semana as sedes de 10 empresas socias de Clusaga dos subsectores lácteo, mar-industria e bebidas.
O obxectivo foi a realización de diagnósticos in situ da xestión do ciclo da auga destas entidades para detectar os puntos de mellora dos procesos e as necesidades específicas de cada empresa alimentaria visitada. A partir deste diagnóstico, preténdese mellorar o uso eficiente da auga e o tratamento das súas augas residuais, mediante a implementación de I+D e innovación co foco en mellorar a sustentabilidade.
En concreto, as empresas socias de Clusaga GALACTEUM, Casa Grande de Xanceda, Bodegas Martín Códax, Grupo Nueva Pescanova, JEALSA, Bodegas Gran Bazán, Paco&Lola, Quescrem, Queixería Barral e Queizuar recibiron a representantes do Clúster, de CWP e de GAIA nas súas instalacións entre o 31 de xaneiro e o 2 de febreiro. Ademáis destas, outras entidades que tamén manifestaron o seu interese en participar recibirán diagnósticos virtuais por parte do consorcio do proxecto nos próximos meses.
A realización de diagnósticos da gestión que as empresas socias fan do ciclo da auga está encamiñada a cumprir co obxectivo principal do proxecto NEXADA: estreitar lazos entre o sector alimentario e tecnolóxico para aportar solucións dixitais e de Industria 4.0 que dean resposta ás necesidades das empresas alimentarias para unha xestión eficiente do ciclo da auga.
NEXADA é unha iniciativa financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) a través da convocatoria 2022b de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs), que pretende impulsar proxectos empresariais de I+D+i que melloren a sustentabilidade da industria alimentaria en canto á xestión do ciclo da auga.
Para isto, ao longo do proxecto os clústeres participantes están organizando diferentes actividades que, ademais das visitas a empresas alimentarias para realizar diagnósticos in situ, inclúen webinars tecnolóxicos onde as empresas provedoras de tecnoloxía presentan as súas solucións; ou reunións e obradoiros para a definición de ideas de colaboración que posteriormente poidan presentarse a programas de apoio á innovación.