A aplicación das tecnologías fotónicas na industria da panadaría permitirá optimizar o proceso de elaboración e a calidade do produto final grazas a que a recollida de datos de forma non invasiva e en tempo real permite axustar a composición e os parámetros do proceso. Estas son algunhas das conclusións que se extraen do proxecto ‘Photonics4Bakery’, que coordina o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para impulsar a transformación dixital dste sector de actividade.
Clusaga, en colaboración coa Asociación da Industria Alimentaria de Castilla y León (Vitartis) e xunto ás empresas socias Hornos de Lamastelle, Lugar da Veiga e Sanbrandan, desenvolve esta iniciativa na que se analizou a mellora dos procesos para que o subsector da panadería sexa máis competitivo e sustentable evitando desperdicios e mellorando a calidade. Ao incorporar as tecnoloxías fotónicas pódese detectar rapidamente calquera desviación dun parámetro, o que permite corrixilo inmediatamente e aforrar tempos nos procesos de produción.
O proxecto permitiu determinar de maneira non invasiva parámetros como a porcentaxe de graxa, proteína e sal en masa de empanada ou o punto óptimo de fermentación en barras de pan, así como coñecer o momento axeitado para introducilas ao forno e poder optimizar os tempos de produción.
Os socios tecnolóxicos do proxecto ‘Photonics4Bakery’, as empresas AOTECH e ATRIA Innovation, investigaron o emprego de solucións fotónicas nas tres compañías panadeiras mencionadas, coas que traballaron para probar, en termos de eficiencia e eficacia, a aplicabilidade das tecnoloxías NIR (Near InfraRed spectroscopy) e HSI (HiperSpectral Imaging). O proxecto buscou avanzar na implementación destas tecnoloxías e de técnicas de machine learning a nivel experimental no proceso de elaboración de diversos produtos de panadería.
O sector da panadería conta con máis de 1000 empresas en Galicia, que xeran un volume de negocio de 400 millóns de euros anuais e dan emprego a máis de 8.000 persoas. Cabe destacar que máis do 99% destas empresas son micropemes.
Clusaga participou no proxecto ‘Photonics4Bakery’ como coordinador, identificando a oportunidade de aplicación da fotónica aplicada á industria alimentaria, co obxectivo de trasladalas aos seus socios.
Este proxecto, levado a cabo no marco da convocatoria 2021 de apoio a AEIs do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, conclúe tras máis de seis meses de desenvolvemento en agosto. O vindeiro 19 de xullo, a partir das 9.30 horas, os membros do consorcio de Photonics4Bakery celebran un webinar no que presentarán os resultados do proxecto. O acceso ao evento é aberto baixo previa inscrición, que pode formalizarse aquí.