Clusaga organizou o 10 de novembro unha xornada sobre food upcycling. O evento congregou a máis de 50 asistentes do sector alimentario, que tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias de investigadores e empresas alimentarias. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de participar en dous obradoiros, un centrado no ecodeseño e outro na metodoloxía de análise de ciclo de vida.
A xornada, que tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), arrancou coa benvida de Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC; Julia González, directora da ETSE; e Roberto Alonso, director de Clusaga.
Durante a apertura destacouse a relevancia do food upcycling como tendencia cada vez máis impulsada desde as políticas públicas, comezando desde o Pacto Verde Europeo ata o anteproxecto de lei de desperdicio alimentario ou a Estratexia Galega de Economía Circular. Tamén se mencionaron as múltiples oportunidades que a valorización de subprodutos presenta para as empresas alimentarias.
Alén, subliñouse a importancia deste tipo de xornadas para maximizar as oportunidades de colaboración entre as empresas e os grupos de investigación, e así desenvolver novos procesos e produtos que valoricen os subprodutos dispoñibles na industria alimentaria. En relación con este último punto, salientouse que o evento foi promovido no marco do grupo de traballo “Sustentabilidade, economía circular e bioeconomía” de Clusaga, conxunto entre a Comisión de Innovación e I+D e a Comisión de Sustentabilidade do Clúster.
A seguir, a primeira sesión da xornada, titulada “Oportunidades e condicionantes para o food upcycling“, contou coa participación de Miguel Rodríguez Méndez, da Universidade de Vigo (UVigo), que falou sobre as bases para un ecosistema de economía circular en Galicia, destacando a Estratexia Galega de Economía Circular e o Informe Circularidade Económica da Empresa Galega (Informe Ardán Zona Franca Vigo). Pola súa parte, Javier Sanz Larruga, da Universidade da Coruña (UDC), presentou información clave do anteproxecto de lei de desperdicio alimentario. Finalmente, Marta Lores Aguín, da USC, presentou algunhas tecnoloxías verdes para a valorización de residuos alimentarios. A sesión estivo moderada por Perla Ferrer, Coordinadora da Área de Sustentabilidade de Clusaga.
Na segunda sesión, baixo o título “Avances na I+D cara o food upcycling“, presentáronse tres proxectos de I+D+i con participación galega. En primeiro lugar, Luis Díaz Allegue, de ANFACO-CECOPESCA, presentou o proxecto “ALEHOOP”, centrado na utilización de biorrefinerías para a valorización de algas de arribazón. A continuación, Paz Otero, presentou o traballo da UVigo no proxecto “UP4Health”, enfocado na recuperación de biomoléculas de alto valor a partir de subprodutos de uvas, olivas e améndoas. En terceiro lugar, Letricia Barbosa-Pereira, da USC, amosou o proxecto VALICET, centrado na valorización de subprodutos relevantes na área mediterránea, con especial atención aos do sector lácteo. Esta sesión estivo moderada por Virginia Alonso-Villaverde, da empresa socia e membro da Comisión de Innovación do Clusaga, Bodegas Martín Códax.
Finalmente, a terceira e última sesión amosou exemplos de casos empresariais de food upcycling. En primeiro lugar, José Castelao López de Valora Marine Ingredients (grupo JEALSA) presentou a estratexia da empresa no desenvolvemento de ingredientes de alto valor engadido a partir de subprodutos da industria conserveira. A seguir, José Luis Olmedo Nadal, de Hijos de Rivera Inversiones Corporativas, S.L. presentou a cervexa Respect! Pan da Moa, producida a partir de restos de pan do obradoiro Pan da Moa, e que comercializan baixo a marca La Tita Rivera. A continuación, Javier Castro Peñuela, de PROLÁCTEA (grupo Entrepinares), presentou desenvolvementos de produtos e ingredientes a partir de soro lácteo. Moderou esta sesión Ángel Pereira Rodríguez, de GALACTEUM, empresa socia e membro da Comisión de Innovación do Clusaga.
Tras a xornada, os asistentes participaron en dous obradoiros prácticos. O primeiro deles, titulado “Ecodeseño de produtos alimentarios a partir de sidestreams”, foi impartido por Ana Rodríguez Vázquez. O segundo obradoiro foi impartido por Cuatrotercios Sostenibilidad Estratégica S.L. baixo o título “Como explicar o valor ambiental da innovación? A Análise de Ciclo de Vida, unha ferramenta”. Estes obradoiros recibiron financiación do proxecto europeo AHFES, coordinado por Clusaga e financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Espazo Atlántico.