
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), celebrou na mañá de onte na Cidade da Cultura de Galicia II Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD, un encontro de referencia para o sector alimentario galego que reuniu a máis de un centenar de profesionais, co obxectivo de analizar como avanzar cara a modelos máis sostibles e competitivos nun contexto marcado pola crecente presión ambiental e regulatoria.
A xornada arrancou coa apertura institucional a cargo de Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga, e de María José Echevarría Moreno, directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia. Durante a súa intervención, De la Cerda destacou que GREEN VALUE 4 FOOD “é un espazo do sector alimentario galego pensado para compartir experiencias reais, contrastar enfoques e tomar decisións informadas nun momento no que a sustentabilidade xa condiciona o conxunto da actividade empresarial”. Ademais, subliñou que esta segunda edición reflicte un momento de consolidación no que a sustentabilidade “empeza a traducirse en cambios reais na forma de producir, investir e relacionarse coa cadea de valor”.
Pola súa banda, a Directora Xeral puxo en valor o papel dun sector alimentario “cada vez máis verde”, incidindo na importancia de investir de maneira eficiente e de impulsar debates rigorosos como os que se abordan neste Foro para avanzar na transición cara a modelos máis sostibles.
A continuación tivo lugar o relatorio inspirador de Manuel Maqueda, profesor de Programas Especiais de Economía Circular Aplicada e Economía Rexenerativa na Universidade de Harvard e experto internacional en transición circular e innovación sistémica, quen convidou a repensar o modelo económico actual e o enfoque da economía circular. A súa intervención, realizada por videoconferencia debido a imprevistos climáticos de última hora, puxo o foco en que a circularidade non pode limitarse á reciclaxe e que o verdadeiro cambio comeza no deseño dos sistemas e na xestión do valor dos materiais, advertindo de que atrasar a chegada dos residuos ao vertedoiro non equivale a crear valor nin a garantir a viabilidade do negocio a medio prazo.
A primeira mesa redonda, de enfoque empresarial, centrou o debate en como a sustentabilidade pode xerar impacto real nas empresas do sector alimentario. Nela participaron representantes de Mahou San Miguel, Daveiga, Adega do Vimbio e Jealsa, que coincidiron na necesidade de integrar a sustentabilidade nas decisións estratéxicas, reforzar a colaboración con provedores e clientes e avanzar cara a modelos de crecemento compartido, con efectos positivos tanto para o negocio como para o territorio e a cadea de valor.
O programa continuou coa segunda conferencia principal, a cargo de Nicola Cerantola, fundador e CEO de Ecologing, consultor e docente internacional en Economía Circular e creador da metodoloxía Ecocanvas, quen abordou como implementar a circularidade nos modelos de negocio do sector alimentario desde un enfoque práctico. Durante a súa intervención, Cerantola incidiu na importancia de evolucionar progresivamente do modelo lineal cara a modelos circulares e rexenerativos, apoiándose en ferramentas aplicables, procesos graduais e solucións contrastadas que permitan activar a transición circular nas empresas.
A xornada completouse cunha segunda mesa de expertos que analizou as principais pancas para acelerar a transición verde do sector, abordando cuestións como o marco regulatorio, a paisaxe, a reciclaxe, a tecnoloxía ou a xestión de recursos como a auga e os envases. Neste espazo participaron representantes de Ecoembes, Solenis, PwC Tax & Legal España e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que puxeron de manifesto a importancia de anticiparse aos cambios normativos e de convertelos en oportunidades para reforzar a competitividade e a resiliencia do sector alimentario galego.
De maneira paralela, o Foro contou cunha Exposición de Solucións Sostibles para o Ecosistema Alimentario, na que participaron AENOR, AirCO₂, Grupo Atlante, Creara e Galaica, presentando servizos e solucións orientadas a apoiar ás empresas alimentarias na súa transición cara a modelos máis sostibles.
O peche do Foro abriu coa intervención do presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez, quen destacou que GREEN VALUE 4 FOOD “se consolida como un espazo propio do sector alimentario galego para falar de sustentabilidade desde a realidade empresarial, con enfoque práctico e orientado á acción”. Rodríguez puxo en valor o traballo desenvolvido por Clusaga nos últimos anos a través da súa Comisión de Sostibilidade e de iniciativas como PROALIS e PROALIS-CARBON, orientadas a acompañar ás empresas na integración da sustentabilidade, a economía circular e a descarbonización nas súas estratexias, posicionando ao sector como pioneiro e preparado para actuar fronte aos retos climáticos.
O peche institucional correu a cargo da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen subliñou que a sustentabilidade é un factor imprescindible en calquera proceso económico, tal e como esixen as normativas europea, estatal e galega. Durante a súa intervención, puxo en valor o compromiso do sector alimentario galego coa produción de proximidade e cos procesos respectuosos co medio ambiente, e anunciou que a Xunta de Galicia está a traballar na elaboración do Plan galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira que incluirá medidas para reducir os residuos tanto nos fogares como nas empresas, así como accións específicas para a industria, a distribución e o canal Horeca. Ademais, adiantou que se están a definir futuras liñas de colaboración co Clúster Alimentario de Galicia para seguir reforzando a transición verde e a economía circular no sector.
GREEN VALUE 4 FOOD é unha iniciativa de Clusaga que conta co Patrocinio Ouro da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e co Patrocinio Prata de Ecoembes. Ademais, o proxecto recibe o apoio do Igape a través das axudas á transformación dixital das pemes, cofinanciadas pola Unión Europea.









