Un dos labores do Equipo Técnico do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é a identificación de convocatorias de axudas relevantes para o sector alimentario galego, especialmente as relacionadas coa I+D e innovación, a transformación dixital, a sustentabilidade ambiental, a economía circular, a internacionalización, o emprendemento, ou o talento, que poden consultarse na sección de “Novidades” da web do Clúster.
Dado o elevado volume de axudas previstas para 2023, moitas delas no marco dos fondos NextGenEU, a Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga está a implementar un Sistema de Vixilancia de Convocatorias dirixido a entidades socias. Este sistema de alertas complementa o traballo que Clusaga vén realizando a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, coa que se busca informar, incentivar e estimular o potencial dos fondos europeos Next Generation EU no sector alimentario galego.
O funcionamento do novo sistema de alertas consistirá no envío de notificacións por correo electrónico das convocatorias dispoñibles ás persoas pertencentes a entidades socias de Clusaga que se subscriban ao Sistema de Vixilancia. Esta subscrición e completamente gratuíta e pode levarse a cabo a través deste formulario.
Esta nova iniciativa de Clusaga pretende reforzar o apoio aos asociados mediante a difusión de información relativa a recursos, fontes de financiamento e convocatorias relevantes. Así, aproveitando os mecanismos de apoio á súa disposición, os socios poderán fomentar a súa transición cara a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.
Xunto con esta nova iniciativa, Clusaga tamén vén de renovar o seu Catálogo de Servizos para o 2023, que inclúe prestacións en materia de investigación de mercados (Servizo Insights), internacionalización (Servizo Exporta), sustentabilidade (Servizo Circulariza) e innovación (Servizo Innpulsa). En concreto, estes dous últimos servizos prestan apoio personalizado para a preparación de proxectos de innovación, dixitalización, sustentabilidade ou economía circular. Estes proxectos, á súa vez, poderían ser beneficiarios das Convocatorias recollidas no Sistema de Vixilancia de Clusaga.
As persoas interesadas nalgunha das convocatorias enviadas a través destas alertas y que desexen coñecer o apoio que presta Clusaga para concorrer a elas, poden contactar coa coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga, Noelia Dosil, no correo industria@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.