Os Premios Galicia Alimentación organizados polo Clúster Alimentario de Galicia acaban de asinar un novo éxito no que a cifras de participación se refire. Tras pecharse o prazo de presentación de candidaturas volveuse superar a marca da última edición e, por terceiro ano consecutivo, bateuse un récord no número de propostas recibidas, chegando ás 141. Isto é, o número aumentou practicamente un 9% con respecto a 2024 (ano no que se postularon 130 iniciativas) e un 42% en comparación coa edición de 2023 (cando se obtiveron 99 en total).
A categoría de Alimentos e Bebidas foi a que máis candidaturas recibiu, acumulando 95: do total, 55 no de Produto Excelente e as 40 restantes no de Produto Innovador. O Clúster recibiu outras 46 propostas para a categoría de Sector Alimentario. Como noutras convocatorias do certame, a entrega levarase a cabo co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa Eroski e o bronce da Fundación Semana Verde de Galicia. En concreto, será o xoves, 26 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia, enmarcado no evento Foro e Premios Galicia Alimentación.
O obxectivo dos Premios Galicia Alimentación, que chegarán en 2025 á súa décimo primeira edición, é pór en valor a excelencia, a innovación, a traxectoria e a proxección do sector da alimentación e as bebidas. Para cumprir esta meta, Clusaga outorgará varios recoñecementos divididos en dúas categorías. A primeira leva o título de “Alimentos e bebidas” e, nela, inclúense o Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador e o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. A segunda abrangue tres galardóns: Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado, Premio Galicia Alimentación á Innovación e Premio Galicia Alimentación á Sustentabilidade.