O edificio Miralles da Universidade de Vigo acolleu o xoves, 19 de febreiro, unha xornada para analizar os retos estratéxicos do sector alimentario entre os seus grupos de investigación e a Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
Enmarcada no ciclo de xornadas promovido por esta Comisión co obxectivo de achegar o coñecemento ás empresas, a xornada foi inaugurada pola vicerreitora de transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez, quen destacou as oportunidades entre a relación universidade-empresa.
Tras ela, Noelia Dosil e Patricia Fraga, xestoras de proxectos de innovación de Clusaga, presentaron a actividade e grupos de traballo da Comisión de Innovación. Pola súa banda, María Corina Porro, do departamento I+D+i de Nueva Pescanova, e Julián Hernández, xerente do departamento de marketing de Vegalsa Eroski presentaron os retos da devandita Comisión.
Finalmente, os grupos de investigación Agrobiología Ambiental: Calidade, Chans e Plantas, Antiox- QF2, Dereito Mercantil e do Traballo (DMT), Enxeñería de Bioprocesos (IIM-CSIC), Grupo de Control Non Linear (DESA-UVIGO) e a área de Bioenerxía da Universidade de Vigo presentaron a súa actividade e compartiron ideas con Clusaga e o resto de asistentes.