-
Ao acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, asistiron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde
-
O presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez Gómez, felicitou aos galardoados e incidiu en que detrás de cada proxecto hai “esforzo, traballo e, sobre todo, unha clara vocación por continuar mellorando o noso sector profesional”
A innovación, a sustentabilidade, a competitividade e a excelencia no sector da alimentación e as bebidas volveron ser recoñecidos polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a través dos Premios Galicia Alimentación. Nesta undécima edición foron oito as empresas que recibiron os galardóns de Clusaga: Pazo de Valdomiño, Los Peperetes, Lenatt, Vinagres do Ribeiro, DairyPet, Daveiga, Nauterra e Hijos de Rivera.
A entrega destes recoñecementos foi o broche de ouro do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que Clusaga reuniu a numerosos expertos e profesionais que falaron sobre o presente e o futuro deste sector. Nesta décima convocatoria, o Clúster Alimentario de Galicia quixo lembrar, ademais, a algúns dos referentes que contribuíron ao crecemento exponencial do ámbito e que faleceron recentemente: o fundador de Feiraco e creador do selo Ternera Galega, Maximino Viaño, a copropietaria de Queixería Barral, Dolores Lías Castro, e o fundador de Granja Campomayor, Horacio García García.
Vocación por mellorar o sector
Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez Gómez, felicitou ás compañías galardoadas, incidindo en que detrás de cada proxecto “hai esforzo, traballo e, sobre todo, unha clara vocación por continuar mellorando o noso sector profesional”. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de pechar os Premios Galicia Alimentación cun discurso no que enxalzou a importancia do sector en Galicia. Á cita asistiron, así mesmo, a conselleira do Mar, Marta Villaverde Villares, a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Covadonga Toca, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entre outros.
Por segundo ano consecutivo, o Clúster volveu bater un récord de candidaturas, pasando das 130 acadadas no 2024 ás 141 desta undécima edición. Isto é, produciuse unha suba de case un 9% con respecto ao ano pasado. Así mesmo, en comparación con 2023, o incremento foi de case un 42%.
Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:
- Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Co galardón preténdese enxalzar aos produtos que incorporan valores tradicionais do sector de Galicia adaptándoos, iso si, ao contexto actual, ben a través do deseño ou ben empregando materias primas locais. Neste caso, outorgáronse tres galardóns ex aequo:
- Pazo de Valdomiño pola súa Xenebra ecolóxica ADA Organic Berries. Tal e como describiu o xurado, o produto combina o respecto pola tradición coa innovación sostible. Está elaborada en alambiques de cobre seguindo un método tradicional de arrastre de vapor e utilizando ata 17 botánicos ecolóxicos.
- Los Peperetes pola súa Lubina ao albariño Pazo de Rubianes. O xurado defínea como una conserva gourmet froito da colaboración entre Los Peperetes e a adega Pazo de Rubianes. O resultado é a unión de dous elementos emblemáticos da cultura galega: o peixe do Atlántico e o viño Albariño.
- Lenatt pola súa Gama de granolas orgánicas. A aposta desta compañía por elaborar un produto saudable e sostible levounos ás súas granolas orgánicas. Estas están feitas sen glute e azucres refinados e, ademais, a base de ingredientes ecolóxicos e de proximidade.
- Premio Galicia Alimentación Produto Innovador. Buscouse recoñecer aos produtos caracterizados pola innovación, capacidade para adaptarse ás demandas do consumidor ou valor engadido polo uso de materias primas galegas. Tendo isto en consideración, resultou gañador:
- Vinagres do Ribeiro pola súa Gama de perlas de vinagre. O tribunal valorou a súa innovación, calidade e o seu proceso de elaboración, que cualificaron de “único”. As perlas de vinagre proveñen de viños galegos e son aromatizadas con plantas diferentes, creando un sabor completo e elegante.
- Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Innovadora. Un recoñecemento aos produtos que se caracterizan pola súa innovación, potencial comercial ou deseño e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor ou que achegan valor ás materias primas galegas, con especial atención á relación entre nutrición e saúde. Neste caso, o galardón recaeu en dúas empresas ex aequo:
- DairyPet pola súa innovación na alimentación funcional para mascotas. Destacouse a aposta da compañía por usar ingredientes naturais. O xurado puxo en valor a introdución de novas tecnoloxías de formulación para lograr un produto máis saudable e adaptado ás necesidades específicas de cada animal.
- Daveiga pola súa produción responsable e innovación. Valorouse o emprego dunha tecnoloxía avanzada para optimizar procesos e mellorar a calidade do produto final. Un feito que, segundo explicou o xurado, reforza a eficiencia no sector e potencia a colaboración das comunidades locais.
- Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Sostible. Trátase dun galardón co que o Clúster pretende recoñecer aquelas prácticas e empresas caracterizadas pola súa sostibilidade, tanto na organización e produción coma nos seus produtos e servizos. Neste apartado resultou gañador:
- Nauterra, pola súa estratexia corporativa de residuo cero. Coa proposta, a firma busca minimizar a xeración de residuos en todas as fases do proceso de produción, fomentando unha xestión eficiente e dando prioridade á prevención, á reciclaxe e á valorización dos residuos, evitando o impacto ambiental asociado.
- Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado. Neste apartado premiábase o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Neste sentido, valorouse o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor.
- Hijos de Rivera, pola súa campaña Big Crafters. Trátase dunha plataforma dixital que conecta, directamente, aos artesáns e produtores galegos con consumidores preocupados pola orixe e a calidade dos produtos. Big Crafters ofrece formación en márketing, xestión de envíos e fotografía de produto.
Foro Galicia Alimentación
Antes da entrega de premios celebrouse o Foro Galicia Alimentación 2025 baixo o título Galicia alimenta o futuro, a través do cal varios expertos abordaron cuestións como a innovación e o liderado na transformación deste ámbito.
A xornada incluíu dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira conferencia levou o título de A transformación do sistema alimentario: novas tendencias e innovación, e correu a cargo do vicepresidente da Fundación Europea para a Innovación (INTEC), Juan Francisco Delgado. A continuación, tivo lugar un debate no que interviñeron catro das compañías que forman parte do PERTE Agroalimentario Smartz4Milk: a presidenta do Grupo Lence (Río de Galicia), Carmen Lence; do xerente de Bico de Xeado, José Luis Cabarcos; do director de CAPSA Vida, Rubén Hidalgo e de xerente de Queixería Prestes, Maikel Fernández. Neste caso, a moderación veu da man do fundador e CEO de Medrar Solutions, Hugo Criado.
Unha vez rematado este primeiro bloque, realizouse unha segunda conferencia por parte da presidenta de La Distribución ANGED, Matilde García, sobre A transformación do retail e do consumidor: unha visión social e estratéxica desde a gran distribución. O décimo Foro de Clusaga pechouse coa mesa Estratexias que inspiran: a visión de líderes do sector para o futuro. Neste apartado tomaron a palabra o CEO de ViniGalicia, Juan Luis Méndez Rojo; o xerente de Cafés Candelas, Ramón Alonso; o director corporativo de Galletas Gullón, Francisco Hevia e a directora xeral de Conservas Friscos, Rosa María Nieto. O director do San Telmo Business School, Julio Audicana, foi o encargado de coordinar e moderar a mesa redonda.