
A innovación, a sostibilidade, a competitividade e a excelencia no sector da alimentación e as bebidas volveron ser recoñecidas polo Clúster Alimentario de Galicia a través dos Premios Galicia Alimentación. Na duodécima edición resultaron galardoadas nove compañías entre as distintas categorías da convocatoria: Paco & Lola, Ouro de Quiroga, Sacrapastas, Los Peperetes, Larsa, Airas Moniz, Lugar da Veiga, Conxemar e Granja Campomayor. A isto hai que sumar, ademais, a concesión dun Premio Honorífico que Clusaga outorgou a Higinio Mougán por ter contribuído ao desenvolvemento do cooperativismo agroalimentario galego.
A entrega destes recoñecementos foi o broche de ouro do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que Clusaga reuniu a numerosos expertos e profesionais que analizaron os distintos retos da cadea no contexto global actual. Nesta convocatoria, o Clúster Alimentario de Galicia quixo lembrar, ademais, a algúns dos referentes que contribuíron ao crecemento exponencial do ámbito e que faleceron recentemente: o fundador de Torre de Núñez, Manuel Núñez Aldegunde; o impulsor de Vinagres do Ribeiro, Xoán Pablo Lorenzo; e o empresario Severino Escurís Batalla, quen contribuíu á expansión do grupo Escurís.
A mellor garantía do sector
Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez Gómez, felicitou ás compañías galardoadas, ás que definiu como “o presente e a mellor das garantías para este sector”. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de pechar os Premios Galicia Alimentación cun discurso no que enxalzou a importancia que esta actividade ten para Galicia. Á cita asistiron tamén a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, o director xeral de Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón Sánchez-Brunete, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.
Un ano máis, o Clúster volveu rexistrar un éxito no número de candidaturas, superando as 100 propostas. Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:
Foro Galicia Alimentación
Antes da entrega de premios celebrouse o Foro Galicia Alimentación 2026 baixo o título Baixo o título Alimentar o futuro: competitividade, sustentabilidade e soberanía nun mundo incerto, a través do cal varios expertos abordaron estas cuestións. A xornada incluíu dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira conferencia foi Política industrial e estratexia para o sector alimentario en Galicia e correu a cargo do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez Iglesias. Por outra banda, a segunda (Un mundo en transformación: claves xeopolíticas, económicas e sociais para o futuro) estivo impartida pola investigadora sénior do Real Instituto Elcano, Mira Milosevich-Juaristi.
A primeira mesa redonda foi Soberanía alimentaria nun mundo incerto: innovación e sustentabilidade como pancas e nela interviñeron: o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e presidente de ConsumES, Miguel López Crespo; o presidente de Mercasa, José Manuel Miñones e o presidente do Digital Innovation Hub Industrial de Galicia (DIHGIGAL), Francisco Yáñez Brea. A segunda (Competitividade e escala na cadea alimentaria global: creación de valor en contornas complexas) contou coa participación da presidenta de Grupo Campomayor, María Caridad García Busto; o CEO de Nauterra, Mané Calvo García-Benavides, e o director de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Gabriel Trenzado Falcón. Os debates estiveron moderados pola subcoordinadora de Somos Agro (La Voz de Galicia), Maruxa Alfonso Laya.
Cóctel de Alimentos e Bebidas de Galicia
Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaron aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.
A cita desenvolverase co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadisa, Vegalsa Eroski, Palacio del Carmen, Manega, Salimat Abanca e Estrella Galicia.









