Os Premios Galicia Alimentación del Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) chegan á súa novena edición cun récord no número de participantes. Ata 99 candidaturas recibíronse aos galardóns deste ano: 17 delas na categoría de Proxecto Sectorial, 18 na de Estratexia de Mercado, 28 na de Produto Innovador e, como é habitual, a de maior interese foi a de Produto Excelente con 36 presentacións.
Agora é a quenda do xurado, que avaliará todas elas para elixir as propostas gañadoras deste ano e que, como vén sendo tradición, daranse a coñecer nunha gala na Cidade da Cultura coincidindo co Foro Galicia Alimentación. O evento deste ano terá lugar o 14 de xuño e versará sobre a “Alimentación sostible e a resiliencia alimentaria: reflexións en torno a unha transición necesaria”.
Ademais das mesas redondas e relatorios que incluirá o foro, este ano, coma novidade, o Clúster Alimentario de Galicia organizará as ‘Demos tecnolóxicas. Conexión Industria-Consumidor’. Trátase dun novidoso espazo expositivo de novas tecnoloxías con aplicación na industria alimentaria, centrado en dar a coñecer propostas innovadoras e diferenciais con solucións dixitais que aportan datos para o mellor coñecemento do mercado e o consumidor por parte das empresas e información e confianza ao consumidor.
Así, presentaranse proxectos relacionados co comportamento do consumidor, coa tecnoloxía sensorial, coa trazabilidade visual no sector lácteo, ademais dunha plataforma de intelixencia de mercados e unha iniciativa de inmersión 360 na industria alimentaria.
Doutra banda, volverase a ofrecer a Exposición Galicia Alimentación de Produtos Excelentes e Innovadores, onde se poderán coñecer os produtos candidatos aos Premios Galicia Alimentación nestas dúas categorías.
Pola súa banda, o Foro Galicia Alimentación supón un espazo de intercambio de experiencias e coñecementos e serve de estímulo para a colaboración entre os diferentes elos da cadea alimentaria: produción, procesamento, distribución e consumo de alimentos. O evento conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.