A Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) mantivo o pasado xoves 14 de setembro a súa terceira xuntanza deste 2023. Nesta ocasión, os membros da Comisión reuníronse nas instalacións de Vegalsa-Eroski, na súa plataforma de mercadorías de Sigüeiro. A xuntanza comezou cunha presentación de Vegalsa-Eroski e cunha visita ás instalacións, permitindo aos demais membros da Comisión coñecer algúns dos automatismos avanzados que a empresa ten instalados nesta plataforma loxística.
Tras a visita ás instalacións, os membros da Comisión de Innovación e I+D mantiveron a súa xuntanza, na cal se lle deu seguimento ás actividades promovidas durante o último trimestre e aquelas previstas para o trimestre seguinte. Estas actividades inclúen diferentes xornadas e obradoiros dinamizados desde os Grupos de Traballo da Comisión, alén doutras accións previstas para fomentar a colaboración entre as empresas alimentarias e os investigadores dos diferentes campus universitarios galegos.
Asemade, está previsto que a Comisión continúe coa realización de reunións con diferentes axentes de interese dentro do ecosistema galego de innovación, para seguir fomentando colaboracións que impulsen a innovación colaborativa no sector alimentario galego. Desde a Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento de Clusaga tamén se presentaron outras actividades no marco de proxectos de innovación nos que participa o Clúster.
Unha vez finalizada a reunión, os membros da Comisión de Innovación e I+D tiveron a oportunidade de manter unha comida grupal na cal Vegalsa-Eroski deu a coñecer as innovacións que a empresa está a levar a cabo mediante a instalación de cociñas nos seus hipermercados, neste caso no Eroski Santiago Costa Vella.
A Comisión de Innovación e I+D de Clusaga está integrada por representantes das empresas socias Quescrem, Bodegas Martín Códax, GALACTEUM, Grupo Nueva Pescanova, DS Smith, Granja Campomayor, Larsa e Vegalsa-Eroski, e conta ademais con representantes da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e de ANFACO-CECOPESCA.