O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) vén de organizar unha misión tecnolóxica para empresas socias á feira Anuga FoodTec 2024, que tivo lugar en Colonia (Alemaña) do 19 ao 22 de marzo. Trátase da feira internacional líder para a industria de alimentos e bebidas, onde os principais provedores de tecnoloxías e maquinaria se dan cita coa industria alimentaria.
Nesta edición, Clusaga facilitou a visita das pemes Campomayor, Casa Grande de Xanceda, El Nogal, Glaücor Ingeniería, Innolact e Tastelab. Esta viaxe permitiulles coñecer novos provedores tecnolóxicos e novas tecnoloxías de produción, transporte, envasado, automatización ou seguridade alimentaria, entre outros. En total, Anuga FoodTec 2024 contou con unhas 1.307 empresas expositoras e 40.000 visitantes de 133 países.
Así, esta inmellorable plataforma foi tamén aproveitada polo proxecto europeo HIGHFIVE, de cuxo consorcio forma parte Clusaga, para visibilizar as accións do proxecto de cara ao fomento da innovación e a colaboración no sector alimentario en Europa. As varias actividades organizadas incluíron pitches de pemes que están desenvolvendo proxectos innovadores para a transición verde e dixital de empresas alimentarias e tamén visitas guiadas a expositores de equipamento e sensórica, entre eles GEA Group, Siemens, ou Stäubli.
As seis empresas socias de Clusaga participantes na misión tecnolóxica tiveron a oportunidade de intervir nas actividades de HIGHFIVE e de establecer contactos con empresas socias doutros clústeres membros do proxecto.