Máis de 40 persoas acudiron á sesión de brainstorming enmarcada no proxecto europeo Connsensys para analizar as oportunidades e retos da dixitalización na industria alimentaria galega.
A xornada, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), comezou coa intervención de Roberto Alonso, xerente de Clusaga, Javier Álvarez, responsable da área de innovación tecnolóxica de Clusaga, e Juan Carlos Galán, data manager do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), para abordar os obxectivos e oportunidades para Galicia dos proxectos Connsensys e S3 Food e do IoT e o big data no sector alimentario.
Posteriormente, Pedro Álvarez, plant manager do Quival – El Nogal, e José Rodríguez, sales and marketing manager de ASM Soft, presentaron dous casos de éxito de industria 4.0.
Finalmente, realizáronse dúas mesas de debate. Na primeira delas interviñeron Roberto Pérez, xerente do Clúster TIC Galicia, Roberto Carlos Alonso, vicesecretario xeral de ANFACO CECOPESCA, e Manuel Bustabad, responsable de transferencia tecnolóxica do Centro de Investigación TIC (CITIC), para analizar as necesidades de dixitalización na industria, así como as solucións existentes.
A segunda mesa de debate, que estivo moderada por Domenico Tinelli, xestor de proxectos europeos do ITG, abordou a estratexia de colaboración da plataforma europea de especialización intelixente (S3 p) e a rede europea de living labs. Nela participaron Laura Abuín, técnica de proxectos I+D da Aula de Productos Lácteos, e José Carlos Mouriño, técnico superior de aplicacións do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).