O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), no seu compromiso de mellorar a competitividade do sector da alimentación a través da dixitalización, impulsa o proxecto DIG4.0VO, unha iniciativa estratéxica que promete revolucionar o sector avícola de posta a través de Intelixencia Artificial (IA) e biotecnoloxía. O seu obxectivo é despregar unha batería de innovacións nos procesos produtivos chave, focalizando en alimentación, benestar animal, calidade e optimización dos procesos operativos, sen que isto comprometa a eficiencia e rendibilidade das empresas.
DIG4.0VO recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (MINCOTUR) e, baixo a coordinación de Clusaga, conta para a súa execución cun consorcio conformado pola empresa do sector avícola Campomayor, a empresa de alimentación animal funcional Pentabiol, a tecnolóxica ASM Soft, a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e a consultora de innovación e sustentabilidade no sector alimentario Medrar Smart Solutions.
O proxecto plantexa optimizar a alimentación para a mellora do benestar animal, reducir a incidencia de enfermidades e mellorar a dixestibilidade animal, a través da incorporación de novos postbióticos. Ademais, desenvolveranse formulacións de penso baseadas na reutilización de subprodutos da industria alimentaria, que favorecerán a estimulación da posta de ovo, fortalecerán os sistemas inmune e dixestivo, e mellorarán a calidade do ovo en xeral.
Alén, para controlar todos os procesos, desenvolverase unha plataforma colaborativa que empregará IA para monitorizar todos os datos produtivos, a xestión de insumos e de enerxía. Deste xeito, xeraranse os mellores escenarios de produción baixo as premisas iniciais do proxecto: a optimización da calidade do produto e o incremento da eficiencia dos procesos para maximizar a rendibilidade da produción.
Xunto a DIG4.0VO, Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0 pretende mellorar a produtividade e sustentabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; IA40WASTE pretende promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial e MEATwin permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores.
Todas estas iniciativas, coordinadas e presentadas por Clusaga, contan co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada dende o Clúster para que o sector da alimentación e das bebidas galego saque o máximo partido posible dos fondos NextGenEU.
Xunto cos proxectos anteriores, Clusaga involúcrase na execución doutros dous pertencentes á mesma convocatoria do MINCOTUR mais, neste caso, en calidade de membro do consorcio. Powerlog, liderado por DIHGIGAL, enfócase á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica; mentres que AGROVOLTECH, cuxo consorcio lidera o Clúster de Energía del País Vasco (ACE), oriéntase cara o desenvolvemento dunha solución agrovoltaica intelixente, baseada en modelos fonolóxicos e sensórica avanzada.
En total, estes 6 proxectos involucran a 24 entidades socias do Clúster, das cales 7 son empresas do sector da alimentación e das bebidas, ás que Clusaga acompaña na súa transformación dixital.