
fish! restaurant, Borough Market, London
Sete empresas galegas do mar presentaron a súa oferta en Londres ante máis de 60 importadores, distribuidores, head buyers e profesionais da restauración, nunha iniciativa impulsada co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Londres acolleu Taste the Sea – Atlantic Food Origins, un encontro organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O seu obxectivo era promover os produtos do mar galegos no mercado británico e presentar a súa calidade, diversidade e carácter.
O evento reuniu máis de 60 asistentes con elevada capacidade de decisión: importadores, distribuidores, responsables de compra (head buyers) e profesionais da restauración. O encontro converteuse nun espazo de contacto directo e de xeración de novas oportunidades comerciais para a industria galega do mar.
A cita contou tamén coa participación de Alicia Villauriz Iglesias, conselleira de Agricultura, Pesca e Alimentación da Embaixada de España en Londres; Fernando Muñoz Naranjo, responsable do Departamento Agroalimentario da Oficina Económica e Comercial de España en Londres; e José Miguel Flavián Erlac, responsable de Comercio Exterior da Cámara de Comercio Española no Reino Unido.
Os produtos do mar galegos, protagonistas
Sete empresas galegas presentaron unha selección representativa dos produtos do mar elaborados en Galicia: Cabomar, Congalsa, Conservas Roma, Frigoríficos Rosa de los Vientos, Los Peperetes, Conservas de Cambados e La Brújula.
A través de catas e degustacións, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man a variedade da súa oferta, desde as conservas ata os produtos conxelados e elaborados. As empresas mantiveron un diálogo directo con compradores e operadores do mercado británico, interesados no valor diferencial do produto galego.
Unha experiencia completa
A degustación completouse cunha maridaxe cos Albariños de Paco & Lola e Agro de Bazán e coas bebidas galegas sen alcol AWA, de Líquido Gallaecia, e Bidesá, de A Castrexa. Daveiga acompañou as catas de conservas coas súas Galletas Mariñeiras, e Grupo Cuevas espertou unha grande curiosidade co seu Marrón Glacé.
Unha axenda para coñecer o mercado británico
A estancia en Londres incluíu tamén unha misión comercial desenvolvida pola Cámara de Comercio da Coruña, en coordinación con Clusaga. Nela participaron Congalsa, La Brújula, Conservas Roma, Frigoríficos Rosa de los Vientos, Conservas de Cambados, A Castrexa e Paco & Lola.
A delegación foi recibida pola Spanish Chamber of Commerce in the United Kingdom. No encontro analizáronse as dificultades que está a atravesar o sector do mar para exportar ao Reino Unido, entre elas os requisitos técnicos e documentais, a operativa de importación e os retos que estas barreiras supoñen para empresas e importadores.
A axenda completouse cun store check en cadeas como Waitrose, Marks & Spencer e Co-op, nos espazos de alimentación de Harrods e no importador e distribuidor especializado Brindisa. En Harrods percibiuse un alto interese polo produto galego e polas súas posibilidades no segmento premium.
Taste the Sea – Atlantic Food Origins combinou degustación, diálogo comercial e coñecemento do mercado. O encontro permitiu poñer en valor o potencial da industria galega do mar nun mercado estratéxico como o británico.
Esta actuación desenvólvese no marco do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), cofinanciado nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).









