Santiago de Compostela acolleu onte a primeira sesión do ciclo formativo “Sustentabilidade e calidade alimentaria: aspectos chave para a competitividade empresarial”, unha iniciativa da Área de Sustentabilidade e Economía Circular do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) en colaboración coa empresa asociada ao Clúster OCA Global, que esgotou as súas 20 prazas nesta primeira entrega.
A sustentabilidade ambiental, económica e social das empresas é determinante para a súa competitividade e chave para o seu crecemento, e debe entenderse de xeito transversal e complementario a outras áreas. Isto vese constatado pola crecente incorporación de criterios relacionados coa sustentabilidade na responsabilidade empresarial, os instrumentos de financiación ou as distintas certificacións. Neste contexto, e a través do seu Comité de Talento, Clusaga pon en marcha esta formación, que se celebra de marzo a maio de 2023.
O primeiro Obradoiro do ciclo celebrouse onte e correu a cargo de representantes das empresas socias de Clusaga OCA Global e PFS Grupo. Baixo o título “Combater o desperdicio alimentario”, serviu para que as persoas asistentes afondasen nos novos requerimentos do proxecto de Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario. Nesta liña, a xornada puxo o foco na aplicación da xerarquía de prioridades e na implementación dun plan de prevención das perdas acompañado dun sistema documental, para poder evitar posibles infraccións.
Durante a sesión tamén explicouse como vincular este proxecto de lei co Marco Normativo, así como a súa relación coas estratexias e políticas a nivel europeo e nacional, e cos ODS. A sesión concluiu coa exposición de diferentes sistemas de certificación de desperdicio alimentario, abordando a súa posible integración con outros sistemas de xestión xa presentes nas empresas.
O coñecemento adquirido neste obradoiro permitiu ás empresas tomar conciencia da nova lexislación e coñecer os pasos para adaptarse a ela co mínimo impacto posible, facilitando a súa transición verde. Ademais, un dos catro servizos do Catálogo 2023 de Clusaga, Circulariza, ofrece apoio adicional ás empresas socias na implementación de accións de xestión de desperdicio alimentario.
Este ciclo formativo está estruturado en tres obradoiros que se poden cursar de forma independente, pero dende a Área de Sustentabilidade e Economía Circular de Clusaga recoméndase “asistir a todos para acceder así a unha formación integral nesta temática”. Nos próximos días abrirá de novo a inscrición ás dúas sesións restantes do ciclo, que abordarán o cálculo da pegada de carbono e os diferentes sistemas de xestión de calidade para a industria alimentaria en relación coas novas exixencias da sustentabilidade.