Un dos obxectivos do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é apoiar a entrada das empresas do sector alimentario galego en novos mercados internacionais. Nesta liña, vén de impulsar a participación de dúas pemes socias nunha Misión Comercial para empresas alimentarias europeas aos Emiratos Árabes Unidos, que tivo lugar entre o 14 e o 19 de febreiro. Cabomar e Pistacyl foron as entidades socias de Clusaga que viaxaron a Dubai, e fixérono da man dos cheques financeiros da derradeira convocatoria de axudas do proxecto europeo F2F Health Matters.
Deste xeito, unha delegación composta por dez pemes procedentes de España, Bélxica, Francia, Portugal e Eslovaquia, mantivo reunións con importadores, distribuidores e potenciais colaboradores; expuxo os seus productos nas instalacións de TTE Gulf Management Consultancy, a consultora responsable das axendas da Misión; e levou a cabo visitas guiadas a supermercados e tendas especializadas para coñecer de primeira man o mercado árabe.
Asimesmo, durante a súa estadía, as pemes tiveron a oportunidade de participar en distintas actividades e eventos de networking, que permitiron fortalecer a relación entre elas e con outros grupos de interese nos Emiratos Árabes Unidos. Para rematar, visitaron Gulfood, a maior feira de Oriente Medio para a industria da alimentación e das bebidas, que se celebra en Dubai.
As dúas empresas socias de Clusaga que participaron na Misión Comercial sacaron bo proveito desta experiencia. Cabomar, empresa dedicada á fabricación e comercialización de produtos do mar, con ampla gama de conxelados, precociñados, frescos e refrixerados, acudiu a un total de cinco encontros con importadores e tres visitas guiadas, una axenda ao respecto da cal manifestaron “quedar moi satisfeitos”.
Pola súa banda, Pistacyl, empresa innovadora e sostible dedicada ao cultivo e comercialización de pistacho de produción ecolóxica, tivo na súa axenda catro reunións con importadores e tres visitas a tendas. A este respecto, dende Pistacyl apostan polo éxito da súa “crema de pistacho e chocolate branco sen azucres engadidos e da Xelea de figo con pistacho” dentro do mercado árabe.
Os Emiratos Árabes Unidos foron o terceiro destino seleccionado no marco do proxecto F2F Health Matters para orientar as súas convocatorias de axudas, tras dúas Misións previas a Canadá e Xapón, que tiveron lugar en novembro de 2022 e xuño de 2023, respectivamente, e nas que participaron as empresas socias de Clusaga Quescrem, Real Conservera Española e YowUp!. Así, dende o inicio do proxecto, Clusaga ten impulsado a internacionalización de cinco das súas pemes socias a través de cheques de viaxe.
Do mesmo xeito que nas convocatorias previas, as empresas elixidas puideron participar no Elite Programme do proxecto nos meses anteriores á Misión. Trátase dun programa de trainig e coaching personalizado e, nesta ocasión, adaptado ao mercado árabe, cuxo obxectivo foi preparar ás pemes beneficiarias para os Emiratos Árabes Unidos, acelerando as súas capacidades de desenvolvemento empresarial nese territorio.
Esta aceleradora de internacionalización para pemes alimentarias está dinamizada pola alianza de Clusaga (España), Bioeconomy Cluster (Eslovaquia), InovCluster (Portugal), Valorial (Francia) e Wagralim (Bélxica). A finalidade do proxecto é proporcionar un paquete completo de servizos para fomentar a colaboración internacional dun conxunto de pemes das rexións participantes e o seu desenvolvemento comercial en algún dos tres mercados obxectivo: Canadá, Xapón e Emiratos Árabes Unidos.