Dende setembro de 2021, o proxecto europeo F2F Health Matters, no que participa o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), tivo o obxectivo de apoiar a entrada en mercados internacionais de pemes europeas especializadas en alimentos saudables, biosolucións sostibles e ingredientes e solucións tecnofuncionais de base biolóxica. Grazas ao paquete de servizos proporcionados ao longo dos seus tres anos de actividade, que finalizan este mes de setembro, esta aceleradora de internacionalización ten prestado apoio a 45 pemes europeas, das cales 8 son empresas alimentarias socias de Clusaga.
Unha das primeiras medidas da aceleradora foi seleccionar os países aos que se quería impulsar a entrada dos produtos das pemes europeas. Así, escolléronse Canadá, Corea do Sur, Emiratos Árabes Unidos (EAU), Vietnam e Xapón como mercados obxectivo e, en torno a estes destinos, despregáronse unha serie de actividades destinadas a apoiar o desenvolvemento internacional, maximizar a cooperación interrexional e aproveitar as oportunidades de colaboración.
Entre elas salientan a organización de webinars informartivos sobre os distintos mercados; ou a creación dun repositorio de informes de intelixencia de negocio, incluíndo detalles sobre as tendencias de mercado ou as regulacións de cada país. Deste xeito, a aceleradora puido apoiar o desenvolvemento internacional das empresas, aumentando a súa confianza e as súas competencias á hora de expandir a súa actividade a novos mercados.
Alén, tres deses mercados (Canadá, EAU e Xapón) foron tamén obxecto de actividades que implicaron apoio económico por parte do proxecto, tales como a organización de misións comerciais internacionais a eses destinos cofinanciadas con cheques de axuda de viaxe (Travel Aid), a asignación de cheques de consultaría personalizada (Comercial Lead Support) ou mesmo sesións exclusivas de coaching enfocadas neses mercados (Elite Programme) e dirixidas ás pemes beneficiarias dos dous tipos de axudas.
Deste xeito, as socias de Clusaga Cabomar e Pistacyl viaxaron aos EAU en febreiro de 2024; Real Conservera Española e YowUp! coñeceron o mercado xaponés en xuño de 2023; e Quescrem desprazouse a Canadá en novembro de 2022; todas elas respaldadas polo Travel Aid do proxecto. Pola súa banda, as empresas galegas beneficiarias do Commercial Lead Support de F2F Health Matters foron Mieles Anta (Canadá), Bodega Líquido Gallaecia (Xapón) e El Nogal (EAU).
O proxecto F2F Health Matters, financiado polo Programa Europeo para a Competitividade das Pemes (COSME), contou no seu consorcio con Clusaga, Bioeconomy Cluster (Eslovaquia), InovCluster (Portugal) e Valorial (Francia), todos eles baixo a coordinación de Wagralim (Bélxica).
Despois de tres anos de estreita colaboración, as cinco entidades pretenden manter o contacto e maximizar os beneficios derivados do éxito do proxecto. Entre as medidas tomadas para acadar ese obxectivo salientan a busca de áreas de interese comúns entre os clústeres e os seus membros; a difusión de boas prácticas, leccións aprendidas, historias de éxito ou resultados das actividades do proxecto; unha comunicación eficiente; ou a identificación de novas oportunidades de colaboración e creación de redes.