O Clúster Alimentario de Galicia reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade organizando iniciativas que permitan ás empresas adaptarse aos novos retos ambientais e normativos. Nos últimos anos, a redución do desperdicio alimentario converteuse nun obxectivo prioritario a nivel europeo, enmarcado dentro de estratexias como o Pacto Verde Europeo, a Estratexia “Da granxa á mesa” ou o Plan de acción para a economía circular. Neste contexto, a nova Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario establece novas obrigas para os distintos axentes da cadea de valor, facendo imprescindible que as empresas conten con ferramentas axeitadas para cumprir coa normativa e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible.
Conscientes desta realidade, desde Clusaga impúlsanse accións de sensibilización, formación e apoio ás empresas para que poidan implementar solucións efectivas no seu día a día. O obxectivo é fomentar a economía circular, reducir o impacto ambiental da industria e, ao mesmo tempo, fortalecer a competitividade do sector mediante a optimización de recursos.
A xornada contou coa participación de expertos do sector, que abordaron a problemática do desperdicio alimentario desde diferentes perspectivas. Perla Ferrer, Coordinadora de Sustentabilidade e Economía Circular en Clusaga, inaugurou as sesións poñendo en contexto a situación actual e explicando as estratexias que a industria pode adoptar para minimizar perdas e reducir excedentes.
A continuación, Joaquín Díaz, responsable de desenvolvemento de negocio en NARIA, afondou nos modelos de xestión de excedentes alimentarios, facendo fincapé na importancia da reutilización e a redistribución de alimentos para evitar que produtos en bo estado se desperdicien. Pola súa parte, Jorge Lamelo, de ReFood, explicou os procesos de valorización de subprodutos alimentarios e a súa transformación en novos recursos, unha alternativa clave dentro da xerarquía de prioridades que establece a economía circular.
A intervención de Juan José Moreno, Manager de Alimentación en AENOR, centrouse na certificación “Desperdicio Alimentario Cero”. Este selo certifica ás empresas que aplican boas prácticas para a redución de residuos, apostando pola mellora continua e a optimización de procesos. A certificación está pensada para recoñecer ás compañías que traballan activamente para minimizar as perdas ao longo de toda a cadea de valor, desde a produción ata a comercialización.
Para pechar o evento, Víctor Hugo Rodríguez, xerente de hipermercado en Carrefour, compartiu a experiencia da compañía no ámbito da sustentabilidade a través do proxecto “Desperdicio Zero”. O caso de éxito de Carrefour exemplifica como unha grande empresa pode aplicar medidas concretas para reducir o desperdicio de alimentos, incorporando prácticas máis sostibles e fomentando a reutilización de produtos que, doutra maneira, serían desbotados.
Ao longo da xornada, abordáronse tamén datos e tendencias recentes sobre o desperdicio alimentario en Europa. Segundo a base de datos Eurostat, en 2022 cada persoa na UE xerou 132 kg de desperdicio de alimentos, dos cales un 54% procedía dos fogares. A industria alimentaria, pola súa banda, foi responsable do 19% das perdas, mentres que o comercio minorista e o sector da restauración contribuíron nun 8% e 11%, respectivamente.
Neste escenario, faise evidente a necesidade de impulsar novas estratexias para reducir estas cifras, promovendo medidas que permitan optimizar os procesos produtivos, mellorar a xestión de inventarios, dixitalizar as cadeas de subministración e fomentar modelos de economía circular. A innovación tecnolóxica tamén desempeña un papel clave neste ámbito, xa que ferramentas como a sensórica, a trazabilidade dixital ou os sistemas de monitorización en tempo real poden axudar a minimizar perdas e mellorar a eficiencia operativa.
Desde Clusaga, seguiranse promovendo iniciativas que axuden ás empresas do sector alimentario a adaptarse a este novo contexto, facilitando formación, asesoramento e acceso a recursos que lles permitan avanzar cara a unha produción máis sostible e competitiva. O obxectivo último é contribuír á construción dun modelo alimentario máis eficiente, responsable e respectuoso co medio ambiente, no que a redución do desperdicio sexa unha prioridade para todos os axentes implicados.