
A iniciativa do Grupo de Traballo de Lácteos de Clusaga constitúe un espazo de colaboración entre empresas e asociacións galegas do sector lácteo para impulsar a sustentabilidade, mellorar a competitividade e reforzar a imaxe do produto. A súa misión céntrase en garantir a continuidade do sector mediante prácticas sostibles, a remuda xeracional, a seguridade alimentaria e a eficiencia no uso dos recursos.
Estrutúrase en tres eixes (ambiental, social e de gobernanza) que abordan desde a redución de residuos e a contribución do sector aos servizos ecosistémicos de Galicia —por exemplo, a través da prevención de incendios, a revitalización do medio rural e a preservación da biodiversidade— ata a inclusión e a boa xestión empresarial. Ata o de agora traballou na análise da normativa europea e na definición dunha visión común e, como próximo paso, prevé elaborar unha guía de conformidade para provedores lácteos.
O concepto de sustentabilidade no que se basea Valor Lácteo enténdese desde a perspectiva da perdurabilidade no tempo, nun contexto de alta volatilidade, incerteza e transformacións constantes ás que se enfronta o sector lácteo. Neste escenario, a incorporación dunha cultura da sustentabilidade dentro das organizacións e das explotacións lácteas adquire unha relevancia estratéxica, non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén económico, social e de continuidade xeracional.
Partindo desta visión, un dos piares de Valor Lácteo é situar as persoas no centro da transformación sostible. A iniciativa parte da premisa de que a sustentabilidade non se alcanza unicamente mediante novas tecnoloxías ou o cumprimento normativo, senón a través das decisións que, día a día, toman todas as persoas implicadas na cadea de valor.
Desde as explotacións gandeiras ata a distribución, as persoas son o principal motor do cambio. As súas decisións, comportamentos e formas de traballar condicionan a capacidade do sector para avanzar cara a un modelo máis sostible, resiliente e competitivo. Por iso, o sector necesita integrar a sustentabilidade na toma de decisións, na maneira de actuar e na responsabilidade cotiá de todos os axentes que forman parte da cadea de valor.
Con este obxectivo, Valor Lácteo promoverá accións de sensibilización, formación e divulgación orientadas a fortalecer o compromiso das persoas coa sustentabilidade e a facilitar a incorporación de criterios ambientais, sociais e de gobernanza en todos os niveis da cadea de valor. Así mesmo, a iniciativa impulsará accións pedagóxicas dirixidas ao conxunto da sociedade, co fin de reforzar a cultura da sustentabilidade e poñer en valor o papel estratéxico do sector lácteo para o desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia.
Neste marco, Valor Lácteo lanza a campaña de comunicación «Coidar o que nos coida», que invita á cidadanía a reflexionar sobre o papel da súa decisión de consumo no mantemento e fortalecemento do sector lácteo galego.
A campaña pon en valor o impacto do consumo de leite en aspectos clave como o desenvolvemento do medio rural, a fixación de poboación, a xestión sostible do territorio e a preservación dos ecosistemas. A mensaxe central subliña a importancia da corresponsabilidade entre o sector e a cidadanía, destacando que o apoio ao consumo de leite contribúe á continuidade dunha actividade esencial para o equilibrio económico, social e territorial de Galicia.









