O pasado 12 de setembro de 2024, Clusaga organizou a xornada Envases Alimentarios Sostibles: Ecodeseño, Marco Lexislativo e Papel dos SCRAPs, co obxectivo de apoiar as empresas do sector alimentario ante as novas obrigas relacionadas co ecodeseño e o marco normativo vixente. O evento celebrouse no Edificio FEUGA, en Santiago de Compostela.
A xornada foi inaugurada por Roberto Alonso e Perla Ferrer, que presentaron aos diferentes poñentes. Juan José Pernas, da Universidade da Coruña, abordou os principais retos e obrigas do marco lexislativo actual sobre envases alimentarios, cun enfoque especial na Lei de Residuos e Solos Contaminados e no Real Decreto de Envases e Residuos de Envases.
Pola súa parte, Carles Gasol, de Inèdit (asociado de Clusaga), presentou unha ferramenta innovadora para que as empresas poidan analizar o impacto ambiental dos envases dos seus produtos alimentarios, promovendo a adopción de solucións máis sostibles e circulares.
Na segunda parte da xornada, representantes de varios Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAPs) expuxeron como poden apoiar ás empresas alimentarias para cumprir coas novas obrigas legais en materia de envases. Entre os SCRAPs que participaron estiveron Ecoembes, Ecovidrio, Procircular, Cartón Circular, Implica, ENVALORA e Punto Greta. Cada un deles explicou as súas funcións e ofreceu a súa colaboración para facilitar o cumprimento da normativa.
Para finalizar, Clusaga facilitou un espazo de reunións bilaterais entre as empresas asistentes e os representantes dos SCRAPs, permitindo resolver dúbidas e afondar no funcionamento destes sistemas. Esta iniciativa buscou fomentar o networking e crear oportunidades para que as empresas se adapten rapidamente ás novas esixencias lexislativas.
Con esta xornada, Clusaga reafirma o seu compromiso de acompañar ás empresas do sector alimentario na súa transición cara a modelos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.