O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou 9 proxectos de investigación, desenvolvemento, innovación e aplicación de novas tecnoloxías e industria 4.0 no demoday celebrado esta mañá en Santiago de Compostela, que contou con máis de 50 asistentes. A benvida ao evento correu a cargo de Roberto Alonso, director de Clusaga, e Fernando Guldrís, director xeral do Igape.
Os proxectos presentados foron iniciativas financiadas no marco do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) que promove o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR), e executadas nos últimos dous anos por consorcios conformados por Clusaga e empresas asociadas.
Este evento, organizado no marco do Grupo de Traballo 2 da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga, “Novos modelos de produción e comercialización. Innovación en procesos e tecnoloxías. Dixitalización”, tamén contou cun espazo expositivo onde se deron a coñecer algunhas das solucións tecnolóxicas aplicadas nos proxectos presentados, facilitando a transferencia a todo o sector.
Ademais, dúas das iniciativas, “ENOTECH 4.0. Solucións de sensórica, visión artificial e big data para o sector vitivinícola” e “YIELDCAN 5.0. Procesado masivo de datos en optimización de procesos produtivos, sustentabilidade e calidade do produto en conservas de pescado”, presentaron por primeira vez os seus resultados e conclusións durante o encontro.
Sobre o proxecto ENOTECH 4.0, que conta coa participación de Viña Costeira, Bodegas Martín Códax e TripleAlpha, presentouse o punto de partida, as prioridades e as variables seleccionadas, centradas en procesos en viñedo no caso de Viña Costeira, e en procesos en bodega -concretamente, no embotellado- no caso de Bodegas Martín Códax. Tamén se presentou o traballo realizado para a definición de KPIs, a análise das variables e a preparación de dashboards que axuden ás bodegas na toma de decisións.
Do proxecto YIELDCAN 5.0, que conta coa participación de Jealsa Rianxeira, Conservas Palacio de Oriente, Real Conservera Española, Triple Alpha e ANFACO-CECOPESCA, déronse a coñecer as análises de KPIs e BATs de cada unha das tres conserveras participantes no proxecto, así como os dashboards de control, onde se plasmaron os principais resultados da aplicación desta tecnoloxía de análise masiva de datos. Asimesmo, expuxéronse os resultados da aplicación da tecnoloxía de realidade aumentada para a visualización destes dashboards nas instalacións de fabricación.
Os asistentes a este demoday de proxectos de Clusaga puideron coñecer en primicia tres das novas iniciativas nas que está traballando o Clúster xunto a empresas socias. En concreto, presentáronse os proxectos MILKTELLIGENCE, MUSSELBLOCK e Smart4Cheese.
O primeiro pretende optimizar procesos de calidade, trazabilidade e produción en toda a cadea de valor da industria láctea a través de IoT e Business Intelligence, e conta coa participación de GALACTEUM, Bico de Xeado, Innogando, PSVet e CLUN. Pola súa banda, MUSSELBLOCK, no que participan TripleAlpha, Mexillón de Galicia, Perfect Numbers e EligeData, ten o obxectivo de maximizar e certificar as operacións na cadea de valor do mexillón aplicando IoT, Blockchain e intelixencia de datos. Por último, Smart4Cheese quere encamiñar a industria do queixo cara modelos de negocio e produtos sustentables “da granxa á mesa” mediante IA e Io, e conta coa participación dos socios ANFACO-CECOPESCA, Queizuar, Grupo Entrepinares, MEDRAR, ASM Soft e o Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Como parte do programa da xornada, tamén houbo sesións adicadas a catro proxectos xa finalizados: ML4Milk, HSI-FOOD, PHOTONICS4BAKERY e FoodTechINK. Coordinados por Clusaga, estos proxectos contaron coa participación dos socios ANFACO-CECOPESCA, Daveiga, Galifresh, AOTECH, Hornos de Lamastelle, Sanbrandan, Cofrico, ColorSensing, Centro Tecnolóxico da Carne e Vegalsa.
Cabe salientar que algúnss dos proxectos presentados e impulsados durante o último ano, recibiron apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital, ademais do da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. A preparación destas propostas contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por Clusaga e apoiada pola Xunta de Galicia a través do Igape.
Clusaga ofrece aos seus asociados a posibilidade de integrarse en procesos de cooperación e proxectos colaborativos xunto a outras empresas e entidades de investigación e innovación. En concreto, desde o Clúster impulsáronse máis de 10 proxectos durante os últimos dous anos, que permitiron acelerar a transformación dixital das máis de 30 empresas socias participantes nestas iniciativas.