×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

Business Factory Food (BFFood) é a aceleradora do sector alimentario de Galicia. Ten por obxecto implementar programas de apoio ao emprendemento e consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e á súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables.

Obxectivos BFFood

  • Acelerar e consolidar novas empresas que acheguen solucións innovadoras ao mercado
  • Afianzar o tecido empresarial e industrial do sector galego
  • Atraer talento nacional e internacional

BFFood nace para resolver os retos expostos polas empresas do sector. Para iso lanza diferentes convocatorias, cada unha delas cuns retos concretos aos que os proxectos candidatos deben darlle resposta.

Para os proxectos participantes, BFFood conta con dous programas específicos de apoio: aceleración -enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial- e consolidación -dirixido a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas-.

Recursos a disposición dos proxectos participantes en BFFood

  • Mentorización. Cada un dos proxectos contará cun mentor especifico pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood, con carreira e experiencia no ámbito concreto do proxecto.
  • Formación. Cada participante terá acceso un programa de formación xeral e específica adaptada ás súas necesidades co fin de que adquira os coñecementos necesarios para lanzar e consolidar o seu proxecto.
  • Networking. Entre os proxectos e as distintas institucións, empresas e entidades do sector alimentario para favorecer a creación de pontes e vías de comunicación que incrementen a visibilidade das iniciativas.
  • Acceso a un catálogo de infraestruturas, medios e servizos técnicos. Será posto a disposición dos participantes tanto por parte das empresas como das entidades colaboradoras.
  • Instalacións e espazo de traballo. Os proxectos poderán instalarse nalgunha das instalacións postas a disposición polas entidades colaboradoras. Así mesmo, dispoñerán dun espazo de traballo con salas de reunións e zona de coworking en Santiago de Compostela.
  • Posibilidade de financiamento específico. Os proxectos terán apoio económico a través de GAIN (a fondo perdido) e XESGALICIA (a través de préstamo participativo).

Participantes de BFFood

Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (XESGALICIA) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A aceleradora conta coa dinamización, xestión e coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e co apoio de grandes empresas tractoras do sector, como Grupo Calvo, Grupo Nova Pescanova, Adegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez.

Nas entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Anfaco- Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), que achegan coñecemento experto e infraestruturas e medios técnicos que poñen a disposición dos emprendedores para o desenvolvemento e avance dos seus proxectos.

MÁIS INFORMACIÓN