Xornada e obradoiro | Nutrición personalizada e alimentos funcionais

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza a Xornada “Nutrición personalizada e alimentos funcionais” o vindeiro 8 de marzo, de 9.15 a 13.30 horas, no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela). Esta iniciativa enmárcase no Grupo de Traballo 1. Alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables, da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga.

A nutrición personalizada vén gañando relevancia no ámbito da alimentación e da saúde nos últimos anos. Este enfoque busca adaptar as recomendacións nutricionais ás características específicas de cada individuo, tendo en conta factores coma o xenoma, o estilo de vida, as preferencias alimentarias e as condicións de saúde.

Esta, xunto cos alimentos funcionais (aqueles que, alén do seu aporte nutricional, teñen demostrado afectar beneficiosamente a unha ou varias funcións do organismo) supoñen grandes ámbitos de oportunidade para a I+D+i alimentaria.

Neste contexto, Clusaga organiza este evento para empresas do sector alimentario galego interesadas en desenvolver novos alimentos, así como para investigadores con liñas de traballo vinculadas á alimentación saudable, co obxectivo de que poidan establecer novos contactos e colaboracións.

O encontro permitirá coñecer tendencias, oportunidades e casos de éxito no ámbito da alimentación saudable da man de expertos en medicina personalizada, nutriómica, obtención de compostos funcionais e desenvolvemento de produtos saudables; e de representantes de empresas alimentarias de Galicia que están a traballar neste eido.

Para asistir é preciso rexistrarse a través do formulario que aparece a continuación antes do 7 de marzo ás 13.00 horas. Para máis información, pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo industria@clusaga.org ou no teléfono 682 616 021.

Detalles da programación de eventos

  • 8 Marzo 2024
Compartir
Engadir ao Calendario