O Clúster Alimentario de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), está a organizar a 1ª edición online da Feira Internacional de Alimentos e Bebidas de Galicia, que terá lugar entre o 22 e o 25 de xuño.
Apostando por un formato 100% dixital e a través dunha plataforma 3D, o evento congregará a operadores do mercado internacional deste sector, así como a importadores e distribuidores de varios países europeos. Así, China, Perú, Marrocos, México, EE.UU., Francia, Alemaña, Austria, Italia ou Polonia serán algúns dos mercados que estarán representados na Feira.
En total, haberá preto de 30 stands virtuais e individuais das principais compañías do sector galego, o que lles brindará unha maior visibilidade, favorecerá as súas relacións cos compradores e maximizará, por tanto, as súas oportunidades de negocio. Ademais, terán acceso a unha axenda individualizada de reunións virtuais B2B, a través de o programa meet the buyer.
Ao longo do catro días da feira programaranse varias sesións de presentación dos produtos principais e das novidades de cada expositor no programa galician experience.
As empresas do sector que participan nesta 1ª Feira Internacional de Alimentos e Bebidas de Galicia son Aceites Abril, Adega Condes de Albarei, Adegas Galegas, Agro de Bazán, Armadora Pereira, Berete, Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Campo Capela, Congalsa, Conservas Portomar, Frigoríficos Arcos – A Pulpeira, Galacteum, Galician Brew, Hornos de Lamastelle, Innolact – Quescrem, Lence – Grupo Leche Río, Luis Escuris Batalla, Mieles Anta, Novafrigsa – Coren, Paco & Lola, Pereira Productos del Mar, Porto-Muiños, Queixería Barral, Quival – El Nogal, Terra de Asorei, Torre de Núñez, Vinigalicia e Viña Costeira.
O desenvolvemento deste proxecto impulsado por Clusaga contou coa cofinanciación do Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do Programa Operativo 2014-2020 dentro da acción de promoción exterior conxunta (Galicia Exporta Organismos Intermedios). IGE208.2020.1.29.