O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) puxo en marcha, co apoio da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o portal agregador business to business (B2B) Galicia Food & Drink en Alibaba.
O portal foi presentado esta mañá nunha xornada online na que participaron a director da área de internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borras, e o xerente de Clusaga, Roberto Alonso.
Coa posta en marcha de Galicia Food & Drink, Clusaga impulsou a entrada dunha vintena de empresas de alimentos e bebidas de Galicia en Alibaba, a plataforma de comercio electrónico B2B máis grande do mundo que conecta a empresas exportadoras con empresas importadoras.
O portal Galicia Food & Drink forma parte das accións desenvolvidas pola Comisión de Mercados e Internacional de Clusaga para facilitar o acceso da industria alimentaria galega a novos mercados. Concretamente, este espazo de venda online conectará aos vendedores galegos con compradores internacionais de máis de 190 países.
Deste xeito, o Clúster dá un paso máis no fortalecemento da competitividade internacional e visibilidade do sector alimentario galego, obxectivos centrais do eixo tres “Mercados e internacionalización; acceso a novos mercados e adaptación ás tendencias de consumo” do seu plan estratéxico actual.
O agregador Galicia Food & Drink en Alibaba permite a varias empresas socias de Clusaga compartir un mesmo sitio dentro do portal para vender os seus produtos máis interesantes a nivel internacional.
Polo momento, atópase nel as seguintes empresas do sector alimentario galego socias de Clusaga: Grupo Pereira Productos del Mar, Frigoríficos Arcos (A Pulpeira), Cafés Candelas, Quival (El Nogal), Cooperativa Vitivinícola Arousana (Paco & Lola), Innolact (Quescrem), Vinigalicia, Torre de Núñez de Conturiz, Novafrigsa (Grupo Coren), Viña Costeira, Bodegas Martín Códax, Cooperativas Lácteas Unidas, Panadería Toñito, Dairylac (GALACTEUM), Grupo Leche Río, Mieles Anta e Porto-Muiños.
Así, os compradores internacionais poderán atopar en Alibaba unha gran variedade de produtos galegos, tales como embutidos, froitos secos, conservas, produtos de algas, viño, mel, leite e outros produtos lácteos, café, produtos de panadaría, peixes e mariscos conxelados ou carnes.
O desenvolvemento deste proxecto impulsado por Clusaga contou coa cofinanciación do Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do Programa Operativo 2014-2020 dentro da acción de promoción exterior conxunta (Galicia Exporta Organismos Intermedios). IGE208.2020.1.29.
ACCEDER A GALICIA FOOD & DRINK EN ALIBABA