O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou esta mañá a primeira sesión formativa en comercio internacional do programa Competemar 2024, unha iniciativa autonómica que, financiada pola Xunta de Galicia e coordinada dende a Área de Mercados, Internacionalización e Competitividade de Clusaga, ten como obxectivo acelerar a internacionalización das empresas galegas do sector mar-industria para potenciar a súa competitividade e asegurar o seu crecemento sostible.
O acto institucional de presentación do programa contou coa participación de Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica; Roberto Alonso, director de Clusaga; Ana Santorum, responsable do programa Competemar en Clusaga; Antonio de la Cruz, socio director de EOSA; Ana Díaz-Becerra, socia fundadora e directora de Noroex; e representantes das 22 empresas inscritas en Competemar.
Durante a súa intervención, Roberto Alonso agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, así como a colaboración de EOSA e Noroex para esta iniciativa. Alén, puxo en valor o interese e esforzo das empresas do sector por integrarse en Competemar, “Dende Clusaga agardamos que o paquete de servizos que imos poñer a disposición das empresas participantes sexa de proveito para impulsar a súa implantación internacional e desenvolvemento comercial”, declarou.
Pola súa banda, Antonio Basanta agradeceu a Clusaga o pulo a Competemar, unha iniciativa “chave para a planificación da internacionalización das empresas galegas do mar”, e sinalou ao Clúster como “aliado fundamental nesta liña de traballo”. Segundo subliñou o director xeral, “Galicia ten gran capacidade para chegar a mercados en todo o mundo, medrou un 200% en exportacións dende 2009 e está presente en máis de 140 países”. “Temos que facer forza na capacidade produtiva e comercial do sector mar-industria, e o interese das empresas polo programa Competemar é proba de que a exportación é para elas, igual que para a Consellería do Mar, unha liña de futuro”, concluíu.
Esta xornada serviu como toma de contacto para as empresas, e foi a primeira das que compoñen o curso en comercio internacional de Competemar. En adiante, desenvolveranse de xeito quincenal e con carácter presencial en Santiago de Compostela, sendo a súa data de finalización o 3 de xullo de 2024. Nel abordaranse, da man de expertos, temáticas clave como estratexias de internacionalización, a identificación de mercados con potencial de crecemento, o marketing e ferramentas dixitais, a loxística e as operacións internacionais, ademais das feiras e misións comerciais.
Xunto con estas sesións formativas, as empresas inscritas en Competemar poderán sacar proveito dunha carteira de servizos de intelixencia de mercado, acceder a misións comerciais aos mercados obxectivo do programa, acudir a eventos B2B, matchmaking, networking e beneficiarse de cheques de viaxe de ata 2.000 €.
O Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar 2024 (Competemar), é unha aceleradora de internacionalización dinamizada por Clusaga e financiada pola Xunta a través da Consellería do Mar, que busca apoiar ás empresas dos produtos do mar na súa internacionalización co obxectivo de potenciar e mellorar o factor da competitividade para asegurar o crecemento sostible do sector.
Para facilitar a consecución deste fin, proporcionarase un paquete completo de servizos para impulsar a implantación internacional e o desenvolvemento comercial ao grupo de empresas participantes. Así, o proxecto oriéntase a dous mercados obxectivo para o sector dos produtos do mar, Francia e Estados Unidos, seleccionados segundo as experiencias da Consellería do Mar e atendendo ás expectativas do sector. Así, a estratexia internacional está dirixida a estes dous mercados específicos, pero parte do apoio formativo e capacitación está deseñado dende unha perspectiva global.