O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) logra por segundo ano consecutivo un récord histórico de participación nos seus Premios Galicia Alimentación. Unha vez pechado o prazo de inscrición, os galardóns obtiveron 130 candidaturas, fronte as 99 do ano anterior, cando xa se rexistrara unha marca histórica, o que supón un aumento superior ao 30%.
Por premios, o máis demandado é o de Produto Excelente, con 54 candidaturas, e séguelle o de Produto Innovador, con 35. Xa na categoría das Iniciativas do Sector Alimentario, o Premio Galicia Alimentación con máis interese foi o de Iniciativa Sostible, con 18 candidaturas. O galardón á Iniciativa Innovadora recibiu 12, e o de Estratexia de Marketing ou Internacionalización, 11. A entrega de galardóns terá lugar o 13 de xuño nunha gala enmarcada, como xa é tradición, no Foro Galicia Alimentación. O evento este ano versará sobre As novas fronteiras na innovación alimentaria.
O Clúster Alimentario e Galicia considera que a industria alimentaria está no limiar dunha revolución motivada polo avance de áreas emerxentes nas que a ciencia, a tecnoloxía e a creatividade converxen para abordar desafíos relacionados coa produción de alimentos, a seguridade alimentaria, a sustentabilidade e a nutrición. De aí que neste foro de 2024 se vaian abordar temáticas vinculadas cos novos alimentos alternativos e funcionais, a nutrición personalizada e o uso da tecnoloxía na produción, procesamento e envasado de alimentos. Así, están previstas mesas redondas sobre Innovación na produción e desenvolvemento de alimentos saudables e Tecnoloxías emerxentes nas fronteiras do coñecemento.
Como en anos anteriores, a cita complétase cun espazo de demos, nesta ocasión vinculado coa alimentación do futuro, e coa exposición dos alimentos e bebidas excelentes e innovadores composto por produtos candidatos aos Premios Galicia Alimentación. As persoas ou entidades interesadas en asistir, xa poden inscribirse a través da web de Clusaga.