O consorcio da aceleradora de internacionalización para pemes alimentarias F2F Health Matters, un dos proxectos europeos nos que participa o Clúster Alimentario de Galcia (Clusaga), vén de seleccionar ás empresas beneficiarias das axudas de súa terceira e derradeira convocatoria de apoio á entrada en mercados internacionais, que ten como destino os Emiratos Árabes Unidos.
Nomeadamente, as empresas socias de Clusaga Cabomar, El Nogal e Grupo Pistacyl, xunto con outras pemes procedentes de Bélxica, Francia, Eslovaquia e Portugal, terán a oportunidade de expandir o seus negocios no mercado árabe e internacionalizarse a través de dous tipos de axudas: os cheques de consultaría a medida e os de apoio aos gastos de viaxe para participar na Misión Comercial Internacional organizada polo consorcio de F2F Health Matters e prevista para febreiro de 2024.
A aceleradora de internacionalización F2F Health Matters pretende prestar apoio integral para facilitar o acceso de pemes de alimentación e bebidas a mercados estranxeiros. Para acadar este obxectivo, o seu programa de axudas estrutúrase en tres piares:
En primeiro lugar, os cheques de consultaría “Comercial Lead Support”, dos que resultou beneficiaria El Nogal para esta convocatoria, financian ata 3.000€ de servizos de consultaría personalizados de prospección comercial sobre o mercado árabe.
O segundo tipo de axuda, os cheques de viaxe “Travel Aid”, implican unha contribución de 2.000€ para gastos de viaxe e estancia derivados da participación na misión colectiva de internacionalización a Emiratos Árabes Unidos, en cuxa organización está a traballar o consorcio do proxecto. Neste caso, resultaron seleccionadas Cabomar e Grupo Pistacyl que, xunto co resto de pemes beneficiarias deste tipo de axuda, viaxarán ao mercado árabe do 12 ao 18 de febreiro de 2024 para reunirse con potenciais socios comerciais.
Para completar o paquete de apoio á internacionalización de F2F Health Matters, o consorcio do proxecto ofrece a todas as pemes elixibles a oportunidade de asistir ao programa online de formación e preparación para o acceso a este mercado, o “Elite Programme”, que se impartirá de novembro a febreiro.
Dende o arranque do proxecto en setembro de 2021, o consorcio de F2F Health Matters ten lanzado tres convocatorias de apoio á internacionalización: a primeira delas abriu as portas do mercado canadense a Quescrem e Miles Anta, mentres que a segunda, con Xapón como país destino, tivo como beneficiarias a YowUp!, Bodega Líquido Gallaecia e Real Conservera Española. Pola súa banda, a convocatoria de internacionalización a Emiratos Árabes Unidos é a derradeira no marco deste proxecto.
Ademais de ofrecer apoio económico para acceder a mercados internacionais, o consorcio do proxecto organiza dende o seu comezo webinars periódicos sobre os tres mercados obxecto das convocatorias. Asimesmo, Vietnam e Corea do Sur completan o listado de destinos nos que se centra F2F Health Matters e, se ben non se lanzarán cheques de internacionalización para estes dous destinos, si forman parte do programa destes eventos online. Do mesmo xeito, a web da aceleradora dispón dun repositorio de informes de intelixencia de negocio, onde consultar información chave para acceder a calquera deses cinco mercados.