A Comisión de Innovación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) mantivo unha reunión coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) o pasado 12 de decembro para explorar oportunidades de colaboración entre o Clúster e as súas empresas socias e Agacal e os seus centros de investigación.
Nesta reunión, os membros da Comisión de Innovación tiveron oportunidade de coñecer de man de Manuel López Luaces, director da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria de Agacal, as capacidades da Axencia e os posibles instrumentos para colaborar. Asemade, Abelardo Nimo, director do Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM), Juan Casares, director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), e Jaime Fernández, director do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA) presentaron as capacidades e servizos dos seus respectivos centros.
Pola súa banda, Roberto Alonso, director de Clusaga presentou a asociación, o seu punto actual de desenvolvemento e as liñas e áreas estratéxicas no período 2021-2025. Sergio Martínez, CEO de Quescrem e presidente da Comisión de Innovación, trasladou as prioridades, intereses e liñas de actuación da mesma, mentres que Noelia Dosil, coordinadora da Área de Innovación, Transformación Dixital e Emprendemento do Clúster, destacou os principais proxectos de innovación promovidos por Clusaga nos últimos anos.
Esta reunión é un exemplo de actividade promovida pola Comisión de Innovación para impulsar, dinamizar e coordinar iniciativas e proxectos a prol da innovación colaborativa no sector alimentario galego, ademais das actividades dos Grupos de Traballo de Innovación, e outras actividades en colaboración coas Universidades galegas e outros centros tecnolóxicos e de investigación.