A pasada semana unha delegación de representantes da Comisión de Mercados do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) composta por Aceites Abril, Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Cuevas Marrón Glacé, Innolact-Quescrem, Leite Larsa y Real Conservera Española, acompañada do director do Clúster, Roberto Alonso; e da Coordinadora da Área de Mercados e Internacionalización, Belén Vázquez, visitou as instalacións e reuníuse con responsables das principais distribuidoras galegas de alimentación.
A situación de suba de prezos de alimentación, así como a necesidade de apostar por promocionar os produtos galegos de alimentación e bebidas, motivaron á Comisión de Mercados de Clusaga a organizar visitas ás principais distribuidoras de alimentación do noso país para establecer sinerxías de promoción conxunta.
Deste xeito, o xoves 22 de xuño, a delegación da Comisión de Mercados estivo nas instalacións de Vegalsa-Eroski, onde foi recibida por Jorge Eiroa, director do Equipo de Compras; Julián Hernández, responsable de Marketing; e Ricardo Castro, xerente de Calidade. Ademais da reunión mantida, a delegación de integrantes da Comisión tivo a oportunidade de visitar un establecemento de Cash-Record, enfocado a profesionais da hostalaría e a alimentación, e un Eroski Center, no que puideron degustar produtos no comedor e coñecer máis polo miúdo esta nova aposta da cadea pola comida elaborada e lista para levar, que tan boa acollida está a ter.
O venres 23 de xuño a visita foi ás instalacións de Gadisa, na que se mantivo unha reunión con Santiago Codesido, director Comercial; Diego Pérez, director de Compras de Produto Fresco; e Agustín Banda, director de Compras PGC, afondando e compartindo inquedanzas e necesidades nos cambios de comportamento e pautas de consumo, así como nas demandas dos consumidores.
As dúas reunións tiveron como principal obxectivo procurar canles de colaboración na promoción conxunta de produtos galegos de alimentación e bebidas. Trátase de abrir novas vías de traballo nas que os produtos galegos teñan maior presenza e impacto nos supermercados, apostando pola calidade que os diferenza e favorecendo o crecemento da nosa industria alimentaria. Tanto as empresas socias de Clusaga como as distribuidoras galegas, que tamén forman parte do Clúster, concordan na necesidade de promover produtos locais, de orixe galego e nos que a excelencia é unha das garantías que reclaman os consumidores.
Si ben estas foron as primeiras reunións, desde Clusaga estase a traballar para continuar coa rolda de contactos con outras empresas de distribución galegas, e tamén con aquelas que operan no noso territorio. Trátase dunha iniciativa por conectar a distintos elos da cadea de valor da alimentación, e potenciar a proxección da marca Galicia.