O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) coordina un novo proxecto no que participan outras 9 organizacións, incluíndo clústeres alimentarios e aceleradoras, de 11 rexións en 5 países europeos. Food-scalEUp ten o obxectivo de fortalecer os ecosistemas rexionais de innovación dixital para o sector agroalimentario, especialmente para mellorar a efectividade e impacto de cara á aceleración de startups e pemes innovadoras.
Concretamente, isto farase mediante o desenvolvemento de servizos de aceleración empresarial de maior calidade e o fortalecemento das relacións de colaboración e de intercambio de coñecemento entre os diferentes actores de interese. Todo isto contribuirá a xerar postos de traballo de alto valor engadido nas rexións europeas implicadas.
Este proxecto, financiado pola Comisión Europea no marco da convocatoria de Ecosistemas Europeos de Innovación do programa Horizonte Europa, e coordinado desde Clusaga, arrancou este mes de setembro e terá unha duración de dous anos, nos cales agárdase acadar as metas mencionadas a través do traballo conxunto entre os socios e a cooperación internacional.
Os días 21 e 22 de setembro, os membros do consorcio de Food-scalEUp reuníronse en Santiago de Compostela para celebrar a primeira reunión presencial do proxecto, cuxa organización correu a cargo de Clusaga. O encuentro serviu para por en común as primeiras accións levadas a cabo e presentar a folla de ruta para os vindeiros meses, aliñada cos obxectivos.
Durante a xornada do mércores púxose en común a visión de todos os socios para a execución exitosa do proxecto, así como as accións concretas a desenvolver nas diferentes liñas de traballo que o proxecto vai seguir. Na mañá do xoves organizouse un encontro entre os membros do consorcio e representantes clave de Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia, promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga. Todo isto serviu para intercambiar experiencias e iniciativas concretas de aceleración entre o ecosistema galego de aceleración e doutras rexións europeas.
Ao encontro acudiron representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Congalsa e Nueva Pescanova (empresas mentoras de BFFood) e de FEUGA (coordinadora dos servizos de coaching). A presentación da aceleradora concluiu coa historia de éxito de TripleAlpha, empresa beneficiaria de BFFood.
Tras seleccionar a 7 novos proxectos de aceleración e 6 de consolidación para a súa IV Edición, o responsable da aceleradora, Xosé Ramón Vázquez, anunciou a posta en marcha da V Edición de BFFood, cuxa apertura de convocatoria está prevista para este mes de outubro.