A innovación e o compromiso co sector da alimentación volveron ser recoñecidos polo Clúster Alimentario de Galicia. Clusaga entregou, esta mañá, os IX Premios Galicia Alimentación que, nesta ocasión, recaeron en mans de Granja Campomayor, Río de Galicia, CienPorCel, El Nogal e Bico de Xeado.
Como vén sendo habitual, a entrega dos premios foi o broche de ouro do VIII Foro Galicia Alimentación e o responsable do peche foi o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Á cita asistiron, ademais, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, e o director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Norberto Penedo, entre outras autoridades. Por parte de Clusaga, interveu o actual presidente, Juan José de la Cerda, que agradeceu aos patrocinadores e a todos os candidatos a súa participación.
O Clúster bateu, este ano, un récord con 99 candidaturas: 28 na de Produto Innovador, 36 na de Produto Excelente, 18 na de Estratexia de Mercado e 17 delas na categoría de Proxecto Sectorial.
Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou a importancia dos Premios Galicia Alimentación, que serven de “agradecemento a un sector que move Galicia”. Rueda subliñou o compromiso da Goberno galego con esta actividade, así como coas empresas e produtores, incidindo en que se “a eles lles vai ben, a Galicia tamén lle irá ben”.
Pola súa parte, o presidente de Clusaga felicitou aos galardoados, aos que cualificou como proba “da potencialidade e da proxección” do sector da alimentación e das bebidas. De la Cerda incidiu en que esta actividade segue sendo “clave” en Galicia, tanto pola súa dimensión, como pola súa transcendencia económica e social. Unha afirmación que o presidente sustentou en varias cifras: nos 7.100 millóns de euros de valor engadido e nos 165.000 postos de traballo que xera o sector.
De la Cerda, que participou por último ano como presidente de Clusaga, concluíu a súa intervención desexándolle “sorte e moitos éxitos” á nova directiva e, en particular, ao novo presidente, Andrés Rodríguez, logo de que fose elixido en Asemblea Xeral de socios de Clusaga esta mañá.
Antes da entrega dos galardóns celebrouse o VIII Foro Galicia Alimentación, que este ano se centraba na Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: reflexións en torno a unha transición necesaria. Ao redor desta temática reuniuse a expertos e profesionais da industria para analizar e poñer en común as súas reflexións e ideas sobre os retos e o futuro do sector.
En concreto, na primeira mesa redonda sobre a transición cara unha produción máis sostible participaron: o colíder en Planetiers New Generation e INSURE.Hub, Antonio Vasconcelos; a managing partner de Eatable Adventures, Mila Valcárcel; Eva Garrell, que desde B Corp Impact Programs Senior Lead de B Lab Spain asesora no deseño e implementación de estratexias de sostibilidade empresarial; e Adrián Gallero, experto en desenvolvemento rural de Red2Red.
O relatorio principal correu a cargo de Jordi Cuatrecases, director de Desenvolvemento da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC). A xornada pechouse con outra mesa redonda na que os produtores foron os protagonistas, contando coa participación de Ruy Andrade Pereira, director de Relacións Externas e Desenvolvemento de Negocio de Grupo Pereira; María Fontán, máis coñecida como “Mariscadora 2.0”; a propietaria de Ganadería A Cernada, Ana Corredoira; e o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro.
Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaran aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.
Os alí presentes puideron degustar produtos das seguintes categorías e marcas: B. Líquido Gallaecia S.L., Postres Miudiños S.L., Gadisa Retail S.L.U., Grupo Leche Río S.A., Corporación Alimentaria Peñasanta S.A., Innolact S.L., Coop. Vitivinícola Arousana S.C.G., Queserías Entrepinares S.A.U., Cafés Candelas S.L., Viña Costeira S.C.G., Conservas Rianxeira S.A.U., Coorporación Hijos de Rivera S.L., Queixería Barral S.L., Cuevas & Cía S.A., Torre de Núñez de Conturiz S.L., Rivadulla S.L. Consello Regulador das IXP da Carne de Vacún de Galicia, Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta, Bodegas Martín Códax S.A.U., Conservas del Noroeste S.A., Distribuciones Lorri CB, Vinigalicia S.L., Jamones González S.L., Viña Moraima S. Coop. Galega, Airas Moniz S.L., Granja Campomayor S.L., Ecocentro S.C., Clavo Food Factory S.A., Lugar da Veiga S.L.L., Casa Grande de Xanceda S.L., La Despensa del Lujo S.L., Congalsa S.L., Martín Jesús Touceda González, Rosa Paula Patiño Varela e Artio Nutrición S.L.