O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) aborda a necesidade do sector cárnico de mellorar a planificación e produción co proxecto estratéxico MEATwin. Esta iniciativa baséase na investigación industrial en diferentes tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA), modelado e analítica de procesos e datos e visión hiperespectral, para a súa posterior integración nun xemelgo dixital que sirva como ferramenta de planificación da produción nas empresas do sector cárnico.
O proxecto MEATwin recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) e, baixo a coordinación de Clusaga, conta para a súa execución cun consorcio composto por catro empresas tecnolóxicas (Norlean, TripleAlpha, Kaizen Institute e RIA 21), dous centros tecnolóxicos (ANFACO-CECOPESCA e Fundación Centro Tecnolóxico da Carne) e unha empresa alimentaria do sector cárnico (Jamones González)
O obxectivo do proxecto é, por primeira vez, integrar tecnoloxías de recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores chave nunha ferramenta que permita facer un uso integrado delas. A gran aposta de MEATwin reside na implantación efectiva da ferramenta no sector debido á flexibilidade da mesma. Así, grazas ao emprego dun xemelgo dixital baseado en IA, conseguirase unha solución transversal ao sector, que facilitará ás pemes o acceso a tecnoloxías dixitais de despregamento rápido e as dirixirá cara a máxima eficiencia dos seus procesos.
Deste modo, MEATwin aborda a necesidade do sector cárnico de mellorar a planificación e produción mediante unha solución de dixitalización de custo asumible para as pemes. E, en consecuencia, impulsará o sector ao permitir ás empresas tomar mellores e máis áxiles decisións nos seus procesos.
Xunto a MEATwin, Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0 pretende mellorar a produtividade e sustantabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; IA40WASTE pretende promover a eficiencia dos procesos produtivos da industria alimentaria minorando as mermas de produción na etapa industrial; e DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a lograr unha cadea de valor eficiente, de calidade, comprometida co desenvolvemento sostible e con garantías de benestar animal.
Todas estas iniciativas, coordinadas e presentadas por Clusaga, contan co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada dende o Clúster para que o sector da alimentación e das bebidas galego saque o máximo partido posible dos fondos NextGenEU.
Xunto cos proxectos anteriores, Clusaga involúcrase na execución doutros dous pertencentes á mesma convocatoria do MINCOTUR mais, neste caso, en calidade de membro do consorcio. Powerlog, liderado por DIHGIGAL, enfócase á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica; mentres que AGROVOLTECH, cuxo consorcio lidera o Clúster de Energía del País Vasco (ACE), oriéntase cara o desenvolvemento dunha solución agrovoltaica intelixente, baseada en modelos fonolóxicos e sensórica avanzada.
En total, estes 6 proxectos involucran a 24 entidades socias do Clúster, das cales 7 son empresas do sector da alimentación e das bebidas, ás que Clusaga acompaña na súa transformación dixital.