O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) celebrou esta mañá o acto de presentación da campaña “Na túa despensa, o mellor de Galicia”, unha iniciativa para a promoción conxunta de alimentos e bebidas das súas empresas socias, cuxo obxectivo é proxectar a marca Galicia e dar continuidade ás estratexias de marketing e comercialización das diferentes marcas.
Esta acción, en liña coa misión de Clusaga de impulsar e fortalecer o sector alimentario galego, pretende fomentar a promoción e cooperación entre as empresas no ámbito comercial. Así, a campaña “Na túa despensa” configúrase como o punto de partida dende o que artellar novidosas propostas de promoción de alimentos e bebidas en diferentes canles de distribución.
O evento desta mañá contou coa participación Xan Duro, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; Marta Rey, xerente do Mercado de Abastos; e Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga. Ademais, acudiron á presentación Jose Luis Cabarcos, director de Agacal; Antonio Basanta, director xeral de Pesca; Ana Méndez, directora de Galicia Calidade; Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago; Luis Rial, subdirector do Centro Superior de Hostalaría de Galicia; Thor Rodríguez, presidente da Asociación Hostelería Compostela; e Jesús Ángel Picallo, vicepresidente do Clúster do Turismo.
Andrés Rodríguez salientou “o compromiso de Clusaga coa organización de actividades colaborativas por segmentos de mercado e canles de distribución vinculadas á proxección do produto galego”, e deu as grazas ao Concello de Santiago de Compostela pola cesión dun espazo tan singular coma é o Mercado de Abastos para a celebración da primeira acción promocional no marco desta campaña. Asimesmo, agradeceu ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia e á Asociación Hostelería Compostela a súa colaboración para o desenvolvemento da acción.
Nesta liña, o presidente do Clúster Alimentario de Galicia subliñou “a importancia de promover a colaboración público-privada, de crear redes de traballo conxuntas coas Administracións públicas, e de potenciar o valor e calidade da industria alimentaria gaelga, achegándoa ao consumidor final”.
Ao remate da presentación da campaña de promoción conxunta, os asistentes trasladáronse ao posto de Clusaga na Nave 6 da praza, onde as empresas socias do Clúster Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Cuevas Marrón Glacé, El Nogal, Granbazán, Pazo do Queixo, Larsa, Méndez-Rojo, Quescrem, Real Conservera Española e Torre de Núñez están a promocionar os seus produtos a través de catas e degustacións no marco desta campaña.
Así, ata o vindeiro martes 19 de setembro, en horario de 9.30 a 14.30 horas, as persoas que se acheguen ao posto coñecerán de primeira man alimentos e bebidas das diferentes marcas e poderán recibir agasallos ou participar no sorteo de experiencias de turismo industrial ou gastronómico, entre outras actividades.
En paralelo ao posto da Nave 6, e durante esta semana de promoción conxunta, a Aula – Cociña do Mercado está a ser escenario de diversos eventos promovidos polo propio Clúster, as empresas participantes e outras entidades colaboradoras.
Esta primeira acción promocional da campaña “Na túa despensa” conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, a Asociación Hostelería Compostela e Socivi. Ademais, están involucradas outras entidades socias de Clusaga como o Consello Regulador da DOP Arzúa – Ulloa, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Lugar Daveiga e Pazo de Vilane.
Esta mesma mañá, a Aula – Cociña acolleu un Showcooking no que Alén Tarrío (Pampín Bar) amosou aos asistentes distintas propostas de receitas empregando os produtos participantes na acción promocional. O brioche de sardiña con crema de queixo, as migas de pan e xamón con xema curada, a táboa de queixo con améndoas torradas e o tiramisú de castaña foron as propostas do cociñeiro compostelán das que gozaron as persoas asistentes a esta actividade, todas elas harmonizadas con bebidas participantes na acción. Asimesmo, o público da praza que se achegou ás inmediacións da Aula a partir das 13 horas tivo o privilexio de degustar as elaboracións de Tarrío.
Clusaga estima que esta semana de promoción conxunta impactará en máis de 2.000 persoas, incluíndo o alcance de catas e degustacións de produto no posto da Nave 6, da participación nos eventos de marca das empresas Cuevas Marrón Glacé, Real Conservera Española e Cafés Candelas, e da asistencia aos Showcookings organizados por Clusaga e os Consellos Reguladores da DOP Arzúa – Ulloa, e da IXP de Carne de Vacún de Galicia, tamén socios do Clúster.