A competitividade, a dixitalización e a I+D+i son os tres eixos fundamentais polos que pasará o PERTE agroalimentario galego que se presentará aos fondos europeos. O proxecto, que avanzou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o pasado 10 de febreiro, foi presentado nunha reunión de traballo coas organizacións e empresas máis destacadas do sector na que participou Clusaga.
Mediante a iniciativa, que contará cunha inversión de mil millóns de euros ata 2023, Miñones prevé un impacto de tres mil millóns coa intervención privada, así como a creación de 16.000 postos de traballo. O PERTE buscará a “cogobernanza ente Goberno e Xunta da man das empresas”. Como indicou, “a colaboración público-privada é fundamental”.
Para acadar os dous obxectivos marcados co proxecto –o crecemento empresarial e a consolidación de emprego de calidade no sector–, involucraranse catro ministerios: os de Agricultura, Industria, Asuntos Económicos e Ciencia e Innovación.
No relativo á mellora da competitividade, destinaranse 400 millóns de euros, e este eixo dividirase á súa vez en tres bloques: competitividade, sustentabilidade e trazabilidade alimentaria e seguridade, coa concesión de préstamos cun tramo non reeembolsable por medio do Ministerio de Industria.
Sobre a dixitalización da cadea de valor –“dende o pequeno autónomo, gandeiro ou pescador, ata a gran empresa”–, inverteranse 450 millóns. Crearase un observatorio, un programa para pemes, axudas no asesoramento dixital e a formación de expertos dixitais nas empresas, e lanzarase o ‘kit dixital’ ao que se destinarán 275 millóns para todo o país e co que se pretende “impulsar a dixitalización tanto para as pequenas empresas coma as micro, e para autónomos”.
Por último, en I+D+i, aportaranse 150 millóns de euros. Miñones confirmou a convocatoria, proximamente, de proxectos de I+D+i dirixidos a grandes iniciativas “estratéxicas”, “proxectos de vangarda”, nos que colaborarán diferentes universidades, así coma os centros tecnolóxicos e as empresas.
Roberto Alonso, xerente de Clusaga, remarcou a importancia da oportunidade do PERTE para o sector alimentario galego durante a súa presentación da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por Clusaga e a Xunta de Galicia. Esta oficina nace para a captación dos fondos europeos Next Generation materializados en programas coma o PERTE, ofrecendo as empresas unha serie de servizos para optar a estes fondos e impulsar a recuperación do sector alimentario galego e a transformación económica e social.
Neste caso, a Oficina Técnica ofrecerá información do PERTE ás empresas do sector e un sistema de vixilancia para as convocatorias relacionadas co mesmo que sairán nos vindeiros meses, previo á identificación de oportunidades e definición de proxectos estratéxicos, que serán apoiados no marco de dita oficina.