O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), comprometido coa sustentabilidade do sector da alimentación e das bebidas, ten o obxectivo de acompañar ás empresas na súa transición verde e dixital. Por iso, arranca o 2024 coa I Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD, unha iniciativa a prol do desenvolvemento sostible e circular da cadea de valor alimentaria.
Así, o 25 de xaneiro, en horario de mañá, a Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) acollerá esta ambiciosa xornada coa sustentabilidade alimentaria como eixo central. A través dun panel de 13 relatores expertos na materia, o encontro abordará a transición verde dende todas as perspectivas de interese actual para as empresas e profesionais do sector da alimentación e das bebidas.
Tras a benvida aos presentes e a apertura institucional, o Foro arrancará da man de Víctor Viñuales, director executivo de ECODES, quen abordará os desafíos do sector alimentario na súa gran transición cara a sustentabilidade. A continuación, será a quenda das tres mesas redondas que compoñen o programa.
A primeira delas, moderada por Antonio Vasconcelos, director de Planetiers New Generation e codirector de INSURE.Hub, contará coas intervencións de Mariví Sánchez, directora de Sustentabilidade e Comunicación de NAUTERRA; Emiliano Barelli, director de Sustentabilidade Ambiental de Hijos de Rivera; Estefanía Iglesias, directora de Sustentabilidade de CAPSA FOOD; e Ricardo Castro, xerente de Calidade e Medio Ambiente de Vegalsa-Eroski. Xuntos debaterán en torno ao compromiso coa sustentabilidade que manteñen as empresas do sector da alimentación e das bebidas.
A segunda mesa, moderada por Perla Ferrer, coordinadora da Área de Sustentabilidade e Economía Circular de Clusaga, centrarase no impacto ambiental da industria alimentaria, outorgando as chaves para valorizar residuos ou reducir a pegada ambiental. Nela participarán Manuela Pintado, profesora e directora do CBQF da Universidade Católica Portuguesa; Elisa Toscano, socia e coordinadora de Vixilancia Ambiental Estratéxica de Grunver Sostenibilidad; Sofía Garín, responsable de Proxectos de Ecodeseño e Estratexia Circular de Inèdit; e Bárbara Ferrer, responsable Lean & Green de AECOC.
Para rematar, a derradeira mesa pretende afondar na visión estratéxica para que as empresas leven a cabo a súa transición verde. Baixo a moderación de Guillermo Iglesias, profesor da Universidade da Coruña, darán as súas perspectivas e aportacións Javier Fraga, director de ABANCA Mar; Rafael Cobo, consultor senior e Regenerative Lead de Impact Hub; David Álvarez, director executivo e fundador de ECOACSA; e Luis Rochartre, asesor Senior de INSURE.Hub & Planetiers New Generation.
O encontro, que constituirá unha excelente ocasión para o networking, será tamén un espazo expositivo, contando cunha mostra de Solucións Sostibles para o Ecosistema Alimentario. Nela estarán a participar ABANCA, Ambical, CO2 SmartTech, Diversey, Hinojosa, PFS Grupo e Sergal.
GREEN VALUE 4 FOOD é unha iniciativa de Clusaga que conta co Patrocinio Ouro da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; e co Patrocinio Prata de ABANCA. Asimesmo, INSURE.Hub, a plataforma internacional para a innovación sostible da que Clusaga forma parte, participa neste evento como colaboradora.