A clausura do proxecto ML4Milk, que coordina o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e financia a convocatoria 2021 do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, foi celebrada esta mañá en formato online.
O evento, igual que o proxecto, xirou en torno a iniciativas de dixitalización para o sector lácteo. Coa finalidade de expoñer os resultados, no encontro participaron as empresas socias de Clusaga que integran o consorcio de ML4Milk. Este e outros proxectos presentados hoxe amosan o dinamismo innovador do sector e a transformación que está a abordar, dixitalizando os seus procesos “da granxa á mesa”.
Durante a benvida ao evento, Roberto Alonso, xerente de Clusaga, salientou que “ML4Milk desenvólvese nun contexto no cal os avances tecnolóxicos, tales coma o Internet das Cousas e as técnicas baseadas en datos, están creando maiores oportunidades para mellorar a competitividade do sector lácteo galego nun mercado completo como é o actual”. Estas tecnoloxías “permiten ás empresas ser máis eficientes en canto a recursos, respectuosas co medio ambiente, e á súa vez máis transparentes e seguras”.
En primeiro lugar, Marcos Ellacuriaga (Casa Grande de Xanceda), Bernardino Santos (Glaücor Ingeniería) e Álvaro Dosil (TripleAlpha Innovation), presentaron o ecosistema dixital de Casa Grande de Xanceda baseado na optimización mediante integración de datos e machine learning.
Tal como presentaron, o proxecto permitiu a Casa Grande de Xanceda “dispoñer dun ecosistema dixital 360º propio”. Neste sentido afirman que isto “axudará a mellorar os procesos produtivos”. Ao fío disto subliñan que “non existía nada no mercado que se axeitase a estas necesidades, así que tivemos que facelo nós creando dito ecosistema”. “Os datos permiten mellorar aquelo que no sabías que estaba mal”, indican desde Glaücor. Con axuda destas dúas empresas, TripleAlpha escala na pirámide de valorización transformando datos en coñecemento e este en toma de decisións. “O obxectivo é que as decisións tácticas e eestratéxicas se tomen en base a datos”, afirman.
A seguir, Natalia Estévez e Adrián Quinteiro (Queizuar) e Álvaro Dosil (TripleAlpha Innovation), analizaron a implementación de tecnoloxías de optimización de procesos nunha fábrica de queixos DOP “Arzúa-Ulloa” e “Queixo Tetilla”.
A través de ML4Milk, Queizuar avanzou na dixitalización da súa fábrica, o cal vaille permitir optimizar os seus procesos a todos os niveis, logrando así unha fábrica intelixente, máis eficiente e sustentable. “Participar neste proxecto permitiunos deseñar a recollida de datos para sacar máis rendemento ás variables implicadas na materia prima, o proceso de fabricación e o produto final, alcanzando a homoxeneidade nos lotes e as demandas de calidade que exixe o mercado actual”, explica Natalia Estévez. Álvaro Dosil destacou a importancia de “obter KPIs a partir dos datos que dean lugar a actuación”, porque do contrario deixan de ser variables interesantes para a mellora do proceso produtivo.
Ás empresas membro dp consorcio de ML4Milk acompañounas Elio López, de Innogando, empresa que formou parte da III Edición da BFFood de Clusaga e a Xunta de Galicia, e que acudiu ao evento para presentar RUMI, a súa ferramenta 4.0 para o sector gandeiro. “Queremos axudar aos gandeiros a tomar decisións en canto á xestión e dar trazabilidade ao consumidor e á industria”, explica Elio López. RUMI é un dispositivo intelixente para monitorizar gaado en calquera lugar detectando cinco accións sen necesidade de cambiar as baterías: comer, xogar, rumiar, pastar e camiñar. Tamén detecta patróns de comportamento, celos e eenfermidades.
Ademais, Álvaro Dosil, de TripleAlpha, expuxo tamén o proxecto “Wellmilk: Efecto do benestar animal sobre a calidade do leche en orixe”, que recibe financiación do CDTI e do que a empresa forma parte. Salienta o potencial do sector gandeiro, cunhas variables “que se coñecen pero que non están medidas nin cuantificadas”, para levar a cabo este tipo de proxectos. “Non existen solucións no mercado que xestionen o volume masivo de datos asociados á trazabilidade dos animais en grandes explotacións gandeiras”, sinala. Conclúe que “o obxectivo en Wellmilk é o mesmo que en ML4Milk: pasar do dato á acción”.